García Seoane propón aos veciños tomar a Delegación da Xunta como resposta á ineficacia do Goberno autonómico
Oleiros, 29 de outubro de 2010.- O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, parece estar disposto a atender as suxestións do conselleiro de Medio Ambiente e visitar o delegado provincial na Coruña, aínda que non da man de Pablo Cobián, candidato do PP ás eleccións. Senón encabezando unha manifestación cos veciños de Nós para ocupar a Delegación da Xunta, en tanto non se solucione o grave problema medioambiental e sanitario que padecen os veciños da Gándara, A Seara e San Marcos, na parroquia de Nós.
Ángel García Seoane considera unha burla aos veciños que o conselleiro Agustín Hernández, en lugar de atender as súas xustas demandas, aconselle aos residentes que acudan á Delegación Provincial da súa Consellería na Coruña a explicarlle a situación ao seu subordinado, o delegado provincial, Diego Calvo.
Diante desta mostra de desprezo aos veciños o alcalde pregúntase se o señor conselleiro non ten autoridade suficiente para ordenarlle ao seu delegado que resolva de inmediato este asunto, desprazándose el mesmo á zona, se fose preciso ou atendendo as reiteradas denuncias realizadas polo Concello de Oleiros.
Ángel García Seoane considera indignante que o candidato do PP, Pablo Cobián, se dedique a promover a súa candidatura, buscando titulares de prensa, utilizando o grave problema sanitario que padecen os veciños debido a inoperancia e deixadez da Xunta, única responsable desta situación. Así mesmo, manifestou estar disposto a acompañar aos veciños e tomar a Delegación da Consellería de Medioambiente na Coruña mentres a Xunta non ofreza unha solución satisfactoria e recordou que este asunto vense padecendo desde o ano 2008. García Seoane considera tamén que Pablo Cobián “e tan culpable, neste asunto, como os seus xefes, e el como deputado máis aínda ”, dixo onte en Radio Oleiros.