Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás A vindeira semana abre o prazo para ocupar as prazas vacantes nas actividades ocupacionais

Oleiros, 07 de setembro de 2016-. Todas as persoas maiores de 16 anos interesadas en participar nas actividades ocupacionais que organiza o Concello de Oleiros poderán inscribirse entre o 14 e o 20 de setembro. Poderán facelo a través da sede electrónica da web municipal ou ben nas oficinas de Servizos Sociais.

As prazas ofertadas son as vacantes existentes nos distintos “Obradoiros de expresión artística e artesanal” que se organizan en distintas localidades do concello: encaixe (en Santa Cruz, Oleiros, Mera e Perillo), tapices (en Perillo e Santa Cruz), manualidades (en Iñás), costura (en Perillo) e acuarela (en Perillo). A principal novidade na programación para este primeiro trimestre é a nova actividade de acuarela, dirixida a aquelas persoas que queren aprender ou perfeccionar as súas habilidades nesta técnica.

Unha vez que se adxudiquen as prazas vacantes poderán confirmar a praza e facer o pago da matrícula do 26 de setembro ao 1 de outubro, tanto as persoas que solicitaron a praza como as que tiñan a reserva de praza feita do curso pasado.

En total serán preto de 250 persoas as que participen nestes obradoiros que se desenvolverán semanalmente desde outubro ata decembro e, posteriormente, de xaneiro a maio de 2017. Unhas actividades onde o obxectivo é dobre: adquirir habilidades manuais nunha técnica artística e á vez potenciar as relacións entre os veciños e veciñas en actividades grupais, axudando a facer novas amizades e incrementar as relacións sociais.

 

back link