A obra de Carme Varela, dirixida por Quico Cadaval, presentarase no García Márquez o sábado 7 de marzo ás 20:30 horas.
As desterradas conta a historia dunha pequena comunidade de monxas á beira do Miño que no século XVI vese ameazada pola cobiza da xerarquía eclesiástica. Os señores da Igrexa, para rematar coa resistencia das freiras non dubidan en difamalas e ameazalas por todos os medios, desde o tribunal da inquisición á violencia das mesnadas señoriais. Carme Varela reconstrúe nun thriller conventual aqueles tempos de resistencia das comunidades de mulleres autosuficientes e poderosas. A vida parece continuar coas súas rutinas de rezos, bordados e melindres, mais a negra sombra da ameaza exterior abátese sobre o convento de Albeos.
O espectáculo está dirixido público adulto (maiores de 14 anos) e o custe da entrada é de 6,00 euros. A compra anticipada das entradas pode realizarse a través da plataforma electrónica (giglon.com) e na billeteira do auditorio desde unha hora antes do comezo de cada espectáculo. O pagamento na billeteira só se poderá realizar a través de tarxeta bancaria.