Oleiros, 7 de setembro de 2012-. Mañá sábado, 8 de setembro, ás 20:30 horas, no auditorio Gabriel García Márquez, de Mera, darase inicio á programación cultural de outono en Oleiros, coa representación da obra A función do tequila de Manuel Guede Oliva. Ao longo destes meses o Concello ofrecerá ademais de representacións teatrais, concertos, festivais, exposicións, espectáculos de maxia e tamén continuará o obradoiro de olería comezado no mes de xaneiro.
A función do tequila
A compañía Teatro do Morcego en coprodución co Teatro Circo de Braga presentará mañá, sobre as táboas do escenario de Mera, o seu espectáculo A función do tequila, de Manuel Guede Oliva baixo a dirección de Antonio Simón.
Esta obra, que foi Premio Rafael Dieste 2011, está baseada nun feito real, parte del acaecido en Oleiros, en Arillo. Conta a historia de María Docampo, secretaria de Castelao en Nova York, en 1938, cando este se atopaba recadando apoios para a causa republicana. Pero María resultará ser axente do “servizo de intelixencia americano”...
O elenco conta coa presenza de Manuel Manquiña, Santiago Fernández, Luísa Merelas e Elina Luaces.
A peza ten unha duración aproximada de 90 minutos e está recomendada para maiores de 12 anos. O prezo das entradas é de 2,5 euros e poñeranse á venda a partir das 19:30 horas, ata completar a capacidade da sala.