Oleiros, 19 de novembro de 2015-. Oleiros conta desde hai uns días cun problema menos de tráfico. A rotonda recentemente finalizada na N-VI ao seu paso polo Carballo aliviou notablemente a circulación nesa zona, na que se producían importantes retencións ao longo de todo o día.
O Concello de Oleiros levaba anos reivindicando que se solucionaran os gravísimos problemas de tráfico que se rexistraban a diario no Carballo. Para posibilitar a construción desa rotonda, a administración local cedeu terreos de propiedade municipal na denominada finca da Cubana e nas inmediacións do polígono. “Temos que felicitarnos. A Asociación de Veciños de Nós e o Concello de Oleiros realizamos un traballo moi insistente para conseguir esta importante mellora que afecta a todos os condutores e condutoras que circulan por este punto da N-VI”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.
O tráfico no Carballo nas horas puntas era moi denso e as colas eran realmente importantes. Neste momento hai unha situación totalmente distinta grazas a esa pequena obra que costou moi pouco, unha cantidade practicamente insignificante para todo un Ministerio de Fomento.