Oleiros, 18 de febreiro de 2015-. A festa do entroido que o Concello de Oleiros organiza este venres día 20 a partir das 19.00 horas no pavillón de Santa Cruz contará con servizo gratuíto de transporte. A Concellería de Servizo Sociais programou dous itinerarios diferentes, un para a zona norte e outro para a zona sur. O primeiro percorrerá Lorbé, Dexo, Serantes, Maianca e Dorneda, mentres que o segundo, Oleiros, Iñás, Nós, Montrove e Perillo. O inicio de ambas rutas producirase ás 18.45 horas e a volta está prevista desde o propio pavillón ás 22.30 horas, tras a tradicional actuación do grupo teatral do Concello. Ademais a festa incluirá a actuación musical de calidade a cargo da Orquestra Os Satélites, o concurso de disfraces con grandes premios, tanto para grupos como individuais, así como unha chocolatada para todas as persoas que asistan á festa.
3.000 euros en premios no concurso de disfraces
No concurso poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos que o desexen. Ao ser un concurso de disfraces non se valorarán as carrozas e as comparsas. O xurado valorará a creatividade, posta en escena, orixinalidade, calidade na confección e as características dos materiais utilizados, ademais valoraranse aqueles disfraces onde o conxunto de todos estes elementos sexa representativo do espírito festeiro do entroido.
O Concello recorda que as persoas interesadas poderán inscribirse por correo electrónico, enviando ao enderezo de correo electrónico e.rodríguez@oleiros.org a inscrición que poderán descargar na páxina web www.oleiros.org, na nova relacionada co concurso, no apartado da propia Concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Consumo. Ademais poderá facelo a través do teléfono de atención ao veciño, no 981 610 000 ou acudindo ás oficinas de Servizos Sociais na rúa Camilo Díaz Baliño de Oleiros. A través destas vías o prazo estará aberto ata as 12 horas do xoves 19 de febreiro, pero ademais, o día da celebración do concurso, o venres 20 de febreiro, será posible inscribirse na polideportiva Arsenio Iglesias de Santa Cruz entre as 19.00 e as 19.30 horas.
Os premios previstos para esta edición son os seguintes:
Individual Grupo
1º premio de 300 euros 1º premio de 1.000 euros
2º premio de 200 euros 2º premio de 700 euros
Dous 3º premios de 100 euros Dous 3º premios de 400 euros