Oleiros, 9 de novembro de 2015-. Miles de persoas participaron na XXVI Feira do Mel que como todos os anos organizou o Concello de Oleiros nas inmediacións do Mercado Municipal de Perillo. A carpa instalada para a ocasión quedou pequena ante a enorme cantidade de veciños, veciñas e visitantes que decidiron achegarse ata esta feira para degustar e mercar o mel dos mellores produtores de Galicia.
Ese grande éxito de asistencia débese, en parte, á interesante programación paralela á propia feira que contou con múltiples actividades dirixidas a todo tipo de públicos. Pola mañá a música veu da man dos grupos Semente Nova de Perillo, Dorna de Dorneda e da Banda da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros. Pola tarde, houbo xogos para os nenos, queimada, magosto e a actuación da orquestra Os Trovadores.
Os apicultores amosaron a súa enorme satisfacción polo importante volume de vendas, sobre todo nun momento moi delicado para eles ante os estragos que lle está a causar a invasión da avespa asiática. A idea do Concello de Oleiros de crear esta feira hai 26 anos para apoiar os nosos produtores de mel, adquire se cabe aínda máis importancia na actualidade ante esta problemática.