Máis que unha lotería, esta financiación extra responde ao esforzo de planificación e á visión proxectada polo Concello para a mellora do territorio, unha mirada de amplos horizontes apoiada nunha sólida xestión das políticas públicas en beneficio da cidadanía, xa que con algo máis de 4 millóns de euros conséguense melloras por case 11.
Transformar a liña litoral de Santa Cristina e a avenida das Américas é unha parte importante dese proxecto, que cobra maior significado tras a recente obra da avenida de Santa Cristina. Un proxecto que tamén incluirá as rúas Mendel e López Seoane.
Tamén a restauración da zona de Cavamontes e o seu principal equipamento, o Mercado Municipal, forman parte deste paquete de obras. Esta mellora inclúe a reurbanización de diversas rúas como Namibia, Zaire, Etiopía, Somalia, así como no Parque Nelson Mandela e o parque da II República.
En Santa Cruz, as melloras notaranse na eficiencia enerxética do Castelo coa substitución das antigas xanelas, así coma na área infantil do parque Luis Seoane.
A urbanización da zona do edificio multiusos de Bastiagueiro e parte do equipamento dese edificio emblemático actualmente en construción é parte da estratexia presentada a estes fondos europeos, como tamén a rehabilitación da biblioteca Rialeda co cambio das xanelas, a impermeabilización, a cuberta e a renovación dos xardíns que a rodean.