Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás A Fábrica acolle esta fin de semana o XIII Festival Internacional Galicreques

Oleiros, 18 de outubro de 2017-. O Concello de Oleiros acolle un ano máis o Festival Internacional Galicreques que organiza o Consorcio das Mariñas. Esta nova edición, que será a décimo terceira, ofrece actuacións o venres, o sábado e o domingo no auditorio da Fábrica, en Perillo.

O venres ás 18:00 horas representarase Pipa, el títere maravilla, da compañía La Puntual. Nesta aloucada, surrealista e tenra comedia de monicreques, o protagonista atoparase cun mundo cheo de personaxes sorprendentes: o señorito Toful e o seu pau selfie, a señorita Nina e o seu xeado, o señor banqueiro e a súa máquina e ata cun crocodilo moi famento e as súas burbullas.

O sábado ás 18:00 horas realizarase a interpretación de Le Fumiste, da compañía Don Davel. O espectáculo é unha homenaxe á memoria que como unha caricia lembra as vivencias da infancia e outros momentos da vida.

O domingo ás 12:00 horas representarase A cabeza do dragón, da compañía Títeres Cachirulo. Trátase dunha adaptación para marionetas da obra de Valle-Inclán, La cabeza del dragón.

A entrada é libre con invitación, que poderán recollerse desde unha hora antes do inicio dos espectáculos. O festival está recomendado para un público familiar, especialmente para nenos e nenas.

Ademais, durante os días de celebración do Festival realizarase unha mostra dos carteis que tivo este festival ao longo das súas 13 edicións. Tamén será na Fábrica.
 

back link