Oleiros, 6 de outubro de 2017-. A compañía oleirense Axóuxere Teatro presenta o domingo ás 18:00 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera o seu espectáculo Quero ser maior!, escrito e dirixido por Alejandro Albaiceta. O elenco de actores e actrices fórmano Nanda Tasende, Kike Vales, Sara Pascale, Lucía Veiga e O’Ale.
A obra conta a historia de Gaia, unha nena de 11 anos que sente a necesidade de medrar canto antes, conseguir un bo traballo e gañar cartos para triunfar na vida e poder axudar á súa nai. Aínda que ela non se da conta, está moi estresada pola presión dos estudos e os resultados. Unha noite, Gaia atópase nun estraño espazo cun curioso personaxe chamado Hédor e máis os seus compañeiros da Patrulla de Control de Nenos/as Precoces, Xisca e Xosco…
A entrada é libre con invitación, ata completar a capacidade da sala. A obra está recomendada para público familiar, especialmente recomendado para maiores de 6 anos.