Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás A Axencia Estatal de Seguridade Aérea non autoriza a licenza de obra do novo colexio de Nós e b

Oleiros, 11 de outubro de 2013-. A Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), organismo dependente da Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento, non autoriza a licenza de obra do novo colexio de Nós e bloqueou os trámites doutras catro solicitudes de particulares. Para xustificar a súa negativa, este organismo alega agora non informar o PXOM de Oleiros, a pesar de que este conta coa aprobación da Dirección Xeral de Aviación Civil. De feito, a propia AESA estivo informando favorablemente cada licenza solicitada ata o pasado mes de setembro. En total AESA deu o visto e prace a 49 licenzas nos últimos meses.

O Concello de Oleiros conta co Plan Xeral aprobado desde marzo de 2009 en todo o seu territorio excepto na pegada sonora imposta por Aviación Civil. A dita pegada sonora, que hipotecaba as propiedades de centos de veciños e veciñas de Santa Cruz e Montrove, foi recorrida xudicialmente nun preito gañado polo Concello de Oleiros.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, anunciou esta mañá que o Goberno local está estudando a posibilidade de presentar unha denuncia por prevaricación contra o funcionario encargado de tomar esta decisión. «Levamos tres días intentando comunicarnos con este organismo pero non nos atenden. Non conseguimos que ninguén se poña ao teléfono. Dixéronnos que o horario de chamadas é de 10.30 a 11.00 horas pero o teléfono comunica», asegurou o rexedor, quen alertou de que «se este país continúa gobernado por incompetentes acabaremos na ruína».

Así mesmo García Seoane adiantou que o Concello outorgará as licenzas amparado no Plan Xeral e na sentenza favorable no litixio mantido con Aviación Civil sobre a pegada sonora. E destacou que os veciños e veciñas poden estar tranquilos. O rexedor sinalou tamén que onte mesmo mantivo unha conversación sobre este asunto con membros do Goberno autonómico, quen mostraron a súa sorpresa e a súa incomprensión ante a situación xerada.

 

back link