Procesos de inscripción

Ejemplo Contenido web

Atrás O vindeiro sábado As Torres acolle a Festa da Lingua

O Servizo de Normalización Lingüística organiza un ano máis a Festa da Lingua, unha xornada chea de actividade para público familiar. O acto terá lugar en Santa Cruz,  no parque das Torres e no teatro.

Ás 12.00 h da mañá comezará a festa co espectáculo de rúa Que viva o galego!, de Migallas Teatro. Unha aventura na que hai que superar varias probas (carreiras, trabalinguas, cancións, saltos...) de xeito cooperativo relacionadas coa lingua galega co fin de atopar a solución a un grave problema: o esmorecemento do galego. Está recomendado para familias con nenas e nenos a partir de 4 anos e é preciso inscribirse para participar,  a través do formulario habilitado.

Ás 16.00 horas comezan os xogos populares nos que poderán participar todos os nenos e nenas que o desexen, sen ser preciso inscribirse previamente. Un gran número de xogos populares encherá o parque para pasar unha tarde distendida e divertida.

Para as crianzas de 0 a 3 anos, haberá unha coidada peza de teatro de bonecos e sensorial,  Meco e sono, de Xarope Tulú e Xiana Arias que terá lugar ás 17.00 h e para a que é preciso inscribirse previamente. A súa duración é de 35 minutos.

E xa para finalizar a xornada haberá dous espectáculos para familias con nenas e nenos maiores de 3 anos, ás 18.00 h Consertasso na Horta, de Brais das Hortas, un concerto onde a música e o humor se combinan para cantar e rir todas xuntas.  E ás 19.00 h Con lingua propia, de Peter Punk, onde o pallaso máis irreverente da escena galega, combinará as máis variadas técnicas circenses con xogos de palabras para poñer a lingua en escena e ao público en acción! Para ningún dos espectáculos é preciso inscribirse previamente.

A quen vai dirixido?

Público familiar

Data do evento

Sábado 10 de maio

Horario

De 12.00 a 20.00 horas

Lugar de Celebración

As Torres de Santa Cruz

Inscricións

O luns 5 de maio, abre o prazo para inscribirse na actividade Que viva o galego!, que terá lugar ás 12.00 horas e o espectáculo Meco e sono que será ás 17.00 horas para menores de 3 anos. Para os demais espectáculos non é preciso inscribirse.

Prezo

De balde

Outra información de interese

Nas actividades que hai inscrición previa terán preferencia as familias do Apego os dous primeiros días.