Atrás 8M de 2022. Manifesto "Tempo de seu"

Nesta publicación recóllese o manifesto "Tempo de seu", elaborado para a conmemoración do 8 de marzo de 2022, Día Internacional das Mulleres. 

Tamén se recollen as actividades de sensibilización desenvoltas desde as diferentes áreas do Concello de Oleiros. 

Desde que a ONU declarase en 1975 o 8 de marzo como o Día Internacional das Mulleres, a súa celebración consolidouse en todo o planeta. É un día de celebración, mais tamén de observar o camiño andado e identificar o rodeiro cara ó futuro que queda por camiñar.

Así, o Concello de Oleiros reincide no seu compromiso en prol da igualdade, como veñen demostrando as accións realizadas os últimos anos. É un obxectivo prioritario pois na igualdade reside a xustiza social.

Dicía Virginia Woolf que unha muller debía ter cartos e un espazo propio se quería cultivar a escritura. Case 100 anos despois, se ben os recoñecementos das mulleres son ben diferentes, outros aspectos non mudaron tanto. Á súa premisa -un espazo propio e independencia económica-, cómpre engadir outra reclama: tempo de seu. Para ler, reivindicar, reflexionar, pasear ou descansar, as mulleres precisan tempo propio, tempo de seu.

A pandemia evidenciou que, cando se trata de coidados, son as mulleres as que cargan ás costas. Ó peche de escolas, garderías e demais servizos e actividades que favorecen a conciliación, foron as mulleres as que solicitaron reducións de xornada, excedencias ou abandonaron o posto laboral para o coidado das crianzas e outras persoas dependentes. Fíxose crer, ademais, que o tele-traballo era a fórmula óptima para a conciliación. Mais o resultado foi unha sobrecarga de tarefas e labores. Logo, onde está a corresponsabilidade?

Todo este sobre-esforzo ten un forte impacto na saúde: estrés, ansiedade, tristeza, depresión; implica unha limitación sobre algo fundamental para o benestar: o tempo de seu.

Así, reivindicamos o dereito ó tempo de seu, no que cultivar o lecer, o político, o colectivo e o individual. Os coidados son esenciais para a vida e, como tal, reivindicamos a corresponsabilidade no seu reparto.

Recolle tamén Woolf que as grandes obras escritas non poden considerarse un resultado cuxa autoría reside nunha única persoa. Pola contra, son resultado de moitos anos de pensamento común e de acción comunitaria. A voz individual que escribe a obra o que fai é recoller a experiencia da masa. Así que, por moitos anos de pensamento común cara á igualdade!