Manifestos

Atrás 17M de 2022. Manifesto "en compañía somos máis fortes, somos máis"

Nesta publicación recóllese o manifesto "en compañía somos máis fortes, somos máis. Nutrindo o colectivo", elaborado desde o Concello de Oleiros para a conmemoración do 17 de maio de 2022, Día Internacional contra a violencia LGTBIfóbica. 

O 17 de maio de 1990, a Organización Mundial da Saúde despatoloxizaba a homosexualidade, eliminándoa da lista de enfermidades mentais. Desde entón, é un día de reivindicación, visibilización do colectivo LGTBIQA+ e loita contra a violencia da que continúa a ser receptor. Xa pasaron 32 anos desde dito fito histórico, mais na actualidade as persoas LGTBIQA+ continúan a sufrir desigualdade, estigma, exclusión, discriminación e outras violencias en todos os ámbitos e escenarios - sanitario, laboral, educacional, institucional, familiar etc.-. 

O colectivo LGTBIQA+ foi paseniñamente avanzando na consecución de dereitos tales como o matrimonio igualitario, os cambios normativos na denominación das persoas trans, a redacción de leis específicas nas que se penaliza a discriminación por orientación sexual e identidade e/ou expresión de xénero etc. Mais aínda queda un longo camiño por percorrer ata acadar a plena igualdade.

A maioría de mozas e mozos LGTBIQA+ manifestan ter sufrido violencia nos seus centros escolares e contornas familiares, e unha boa parte de persoas traballadoras aseguran ter sido discriminadas no traballo ou nos procesos de selección polo feito de ser LGTBIQA+. Isto orixina que moitas delas prefiran esc0nder a súa orientación sexual, expresión e/ou identidade de xénero, por medo á discriminación e exclusión sociais, sen poder vivir libremente. Ademais, en máis dun terzo de países do mundo, ser LGTBIQA+ segue a ser delito- en 70 países castígase coa pena de prisión, en 8 incluso coa morte-, e en moitos outros seguen a restrinxirse as súas liberdades e o acceso aos seus dereitos.

Desde o Concello de Oleiros queremos reincidir no compromiso en prol da igualdade, a diversidade e a xustiza social, e mostrar todo o noso apoio e solidariedade ás persoas que tivesen sufrido calquera ataque ou discriminación pola súa identidade ou orientación sexual, poñendo á súa disposición todos os recursos cos que se conta no eido municipal.

Porque en compañía somos máis fortes, somos máis. Precisamos de todas as voces, todos os corpos, todos os pasos e todos os espazos para unha verdadeira transformación social baseada no respecto e a solidariedade. Porque somos máis as persoas que nutrimos o colectivo con compromiso, cariño e apoio mutuo que as que seguen a perpetuar violencia, discursos de odio e inxustiza social.

Por unha cidadanía plural, diversa, comprometida e feminista. Porque temos dereito a ser como queiramos ser. Por moitos anos de pensamento común cara a igualdade!