Manifestos

Atrás 25N de 2023. Manifesto "En pé contra a violencia de xénero"

Nesta publicación recóllese o manifesto elaborado desde o Concello de Oleiros para a conmemoración do 25 de Novembro de 2023, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres

En pé contra a violencia de xénero.

52 son as mulleres asasinadas desde xaneiro ata novembro de 2023 por violencia de xénero. 1.237 as mulleres asasinadas en 10 anos polo mero feito de ser mulleres, si. 94.554 as denuncias por violencia de xénero de xaneiro a xuño de 2023. 2.307 as denuncias por violación sexual no mesmo período.

Cifras, cifras e cifras detrás das cales están mulleres con nomes e apelidos, historias, vidas. Mulleres de todas as idades, clases sociais e ideoloxías. Mulleres que son nais, fillas, avoas, persoas. A violencia de xénero non atende a distincións, arrasa por onde pasa e vulnera sistematicamente os Dereitos Humanos.  

E isto, é a punta visible do iceberg. Por debaixo existe todo un sistema de violencias normalizadas, lexitimadas e silenciadas, que son o abono sobre o que se sostén o patriarcado. Como políticas, temos  responsabilidade social e, como tal, o deber de non branquear actos, declaracións e pensamentos que amparan as violencias machistas. Non, non todo vale. Os acordos políticos non poden pasar por darlle cabida a actitudes e ideoloxías que vulneran os dereitos das mulleres e das nenas, nin pola modificación de leis e normativas que amparan os nosos dereitos. De nada serve que hoxe, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, esteamos de acordo nisto, se mañá imos ceder a posicións reaccionarias. Nós, como representantes da cidadanía nas institucións, temos a obriga e a responsabilidade de apuntar e combater as causas das violencias; se non o facemos, dificilmente remataremos coas consecuencias. É o noso deber traballar pola erradicación de todas as formas das violencias machistas. Non hai sociedade xusta, democrática e igualitaria que mire cara outro lado, que non se implique na erradicación da violencia de xénero.

Si, combater a violencia de xénero desde a súa orixe require educar en igualdade desde idades temperás. Pero tamén require traballarnos nós. Pensar e reflexionar conxuntamente como reproducimos os prexuízos, os mandatos e roles de xénero, os estereotipos sexistas, as violencias. E como llos transmitimos ás novas xeracións. Erradicar a violencia de xénero pasa por informarnos e formarnos, para  cambiar as nosas dinámicas. Non hai outra forma.

Pasa por entender que non é unha cousa só de mulleres. Vós, homes, tedes que implicarvos si ou si. Non hai xustiza social que se asente nunha sociedade na que unha parte da poboación nega dinámicas de violencia que sofrimos as mulleres polo mero feito de selo. Tedes que condenar, sinalar, reprochar e deixar de reproducir as violencias sobre nós, pero tamén sobre vós. Si, as asasinadas e violadas somos nós, as mulleres. Pero este sistema patriarcal violenta, intimida, oprime, silencia e maltrata ao conxunto da sociedade. Traballádevos, e avanzaremos en igualdade. Porque si, somos iguais. E exiximos que nos tratedes como tal.

Combater a violencia de xénero tamén pasa necesariamente polo compromiso e o traballo continuado desde as institucións e os gobernos locais. De nós depende seguir creando e consolidando os mecanismos de prevención, detección, actuación, concienciación, apoio e protección.

É por isto que no Concello de Oleiros traballamos e seguiremos a traballar na erradicación da violencia contra as mulleres e demais violencias machistas. Non, non cesarán os nosos esforzos nesta loita. Continuaremos a traballar en prol da igualdade e contra a violencia de xénero.

É o noso compromiso. É a nosa responsabilidade. É a nosa obriga.

En pé contra a violencia de xénero.