No marco de conmemoración do 17 de maio, Día Internacional contra a LGTBIfobia, o Concello de Oleiros, no seu compromiso en prol de seguir traballando por un municipio libre de violencias machistas, está a instalar Puntos Arcoiris nos centros municipais de educación primaria e secundaria.
Os Puntos Arcoiris son puntos de información, sensibilización e atención para a inclusión da diversidade sexual e de xénero, e para a prevención, detección e actuación fronte ás violencias LGTBIfóbicas, conformados por un equipo de profesionais en materia de xénero, diversidade e violencias. Nestes Puntos Arcoiris, tanto o alumnado como o profesorado recibe información sobre os diferentes tipos de violencias; os recursos e servizos especializados na materia, e sobre temas de interese e preocupación en materia de diversidade e violencias.
E é que entendendo que tan só con prevención e concienciación de base sobre as violencias LGTBIfóbicas e con educación en igualdade e diversidade desde idades temperás se pode rematar con todas as formas das violencias machistas, un ano máis, desde a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, estase a traballar directamente cos centros educativos municipais. Deste xeito e de forma paralela, tamén se realizarán obradoiros participativos co alumnado de 4º e 5º de primaria, e 2º e 3º de secundaria, enfocados en narrativas positivas encamiñadas á transformación e acción social.
Así, xa se instalou un Punto Arcoiris no CEIP Rabadeira, polo que pasaron un total de 141 alumnos e alumnas, recibindo información sobre diversidade, xénero e prevención das violencias LGTBIfóbicas, así como de recursos e servizos especializados na materia. Así mesmo, tamén participaron nos obradoiros en aula un total de 93 alumnos e alumnas de 4º e 5º de primaria.
Ademais, de forma conxunta, durante o recreo o alumnado elaborou un mural arredor da pregunta ‘Que cousa pequena podo facer no día a día para facer sentir ben a alguén?’ Isto, coa finalidade de facer ver ao alumnado que tamén son axentes de cambio social, de forma que as accións que realizamos no cotiá teñen unha forte capacidade de transformación social, xerando espazos comunitarios máis amables, democráticos, xustos e libres de violencias.
As vindeiras datas e centros nas que se realizarán os Puntos Arcoiris son: o 22 de maio no CEIP Isidro Parga Pondal, o 23 de maio no CEIP Juana de Vega, o 26 de maio no CEIP Luís Seone, o 27 de maio no IES Miraflores, o 28 de maio no IES María Casares, e o 6 de xuño no IES Neira Vilas.