Igualdade

Imagen introducción igualdad

Hai contrastes sociais que temos que combater. Un deles é o que afecta a máis da metade da poboación: as mulleres. Levamos moito andado, mais a lacra do machismo está tan enraizada estruturalmente que é fundamental seguir combatendo no día a día para poder erradicar a súa influencia.

O noso compromiso é o de seguir remando en prol de todas as mulleres, da súa emancipación e liberdade. Así, é imprescindible continuar coa posta en marcha de medidas encamiñadas a acadar a igualdade de oportunidades. E, para isto, é fundamental transversalizar o principio de interseccionalidade, tendo en conta todos os aspectos sociais (idade, orixe, etnia, nivel socioeconómico etc.) a partir dos cales se xeran dinámicas discriminatorias e violentas que obstaculizan e impiden a consecución dunha igualdade plena, real e efectiva. 

Direcciones y teléfonos

Servizos Sociais e Igualdade, (Oleiros)
Mapas Edificio Obelisco Rua Camilo Díaz Baliño, s/n OLEIROS
Teléfono 981 610 000, EXT. 3601, 3112
Correo electrónico s.sociais@oleiros.org
Servizos Sociais E Igualdade, Villa Echeverry ( Perillo )
Mapas Avda. Ernesto Che Guevara, 45 Perillo
Teléfono 981 610 000, EXT. 3601, 3112
Correo electrónico s.sociais@oleiros.org

Novas

Atrás Manifesto do Concello de Oleiros polo Día Internacional do Orgullo LGTBIQA

Desde o Concello de Oleiros, este 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+, festexamos os avances acadados para as persoas LGTBIQA+ en materia de dereitos humanos.  Mais tamén esiximos o recoñecemento de todo o que queda por facer para a consecución dunha igualdade real, efectiva e plena e, polo tanto, unha sociedade libre de prexuízos, estereotipos, discriminacións e violencias. Reivindicamos! 

É innegable que, tras anos de acción social e loita colectiva, as persoas LGTBIQA+ séntense máis seguras e habitan espazos máis amables, gozando cada vez máis dos seus dereitos, os que lles corresponden polo mero feito de ser e existir. Avanzamos! 


Así, a día de hoxe, adolescentes e crianzas están máis preto de poder vivir como queiran facelo, de desfrutar da súa sexualidade en liberdade e con orgullo, con menos presións sociais, prexuízos e estereotipos. Conquistamos! 


Pero... os roles e mandatos de xénero, as desigualdades, as discriminacións e as violencias seguen a estar presentes. Se ben a conciencia e o compromiso sociais son cada vez maiores, impulsando mobilizacións desde as institucións e as rúas en prol do dereito á dignidade, a ser, existir, vivir e amar libremente, tamén é certo que a homofobia, a bifobia, a lesbofobia, a transfobia e demais discursos de odio cara as persoas LGTBIQA+ seguen cohabitando nestes mesmos espazos. Formacións políticas, institucións relixiosas e estruturas de poder contrarias ao benestar social, ao progreso e á igualdade, seguen a alimentar e lexitimar o odio cara as persoas LGTBIQA+, con especial virulencia cara as persoas trans. Ante isto, loitamos! 


Loitamos porque a única forma de erradicar o odio e os seus discursos é a través da acción social, a colectividade e as redes de apoio mutuo. Para isto é fundamental entender que a LGTBIfobia é unha vulneración dos dereitos de todas e todos, un ataque ao avance social, ao benestar, ao progreso e á igualdade. Todas as persoas sufrimos as consecuencia de vivir nunha sociedade na que os discursos de odio atopan altavoces de lexitimización e acceso ás nosas institucións. Non calamos!


Así, desde o Concello de Oleiros facemos un chamamento social a continuar co compromiso na loita contra calquera vulneración dos dereitos humanos, animando a actuar e denunciar ditas violencias. Reafirmamos o noso compromiso no día a día co respecto á diversidade, e manifestamos aberta e publicamente o noso rexeitamento ante calquera discriminación, desigualdade ou violencia LGTBIfóbica. Actuamos! 


A igualdade na diversidade constrúese a partir do traballo de toda a sociedade, artellando unha comunidade máis xusta, igualitaria e diversa. Comprometémonos!  


Deste xeito, desde o Concello de Oleiros festexamos a loita social que nos levou a avanzar en dereitos e recoñecemento, mais tamén somos conscientes dos retos que aínda temos que afrontar. O noso compromiso está no progreso e, polo tanto, na erradicación de todos os obstáculos e odios para que todas as persoas sexan libres de amar, ser e existir, velando para que os seus proxectos vitais se desenvolvan en igualdade de condicións. 


Oleiros, orgullosamente diverso!

back link