Programa escolar

Programa escolar

Atrás Programa Complementario de Educación Física

Trátase dun dos programas de maior éxito e aceptación por parte dos centros educativos. Consiste en incorporar á materia de Educación Física nos centros de ensino de secundaria e primaria, actividades complementarias na propia materia de Educación Física e polo tanto, aprobadas polos seus correspondentes consellos escolares. Todas as actividades incluídas neste programa son gratuítas para o alumnado, así como o seu desprazamento.

Para as actividades que se realicen fóra dos centros escolares, o Servizo de Deportes facilitaría o servizo de transporte. 

Os  departamentos de Educación Física poderán elixir entre a seguinte oferta: 

- Hóckey sobre patíns: Dirixido a nenos e nenas de 1º  de primaria e que se realizará na propia instalación do centro. Pequena explicación do deporte do hóckey e práctica co stick e cos patíns, en circuítos de habilidade e tiro a portería.

 -Rugby na praia: Dirixido a rapaces e rapazas de 4º de primaria e que se realizará na praia de Bastiagueiro. Pequena explicación do rugby e realización de tarefas adaptadas e partido. 

- Escalada deportiva: Dirixido a rapaces e rapazas de 5º de primaria e que se realizará nos rocódromos municipais. A unidade didáctica sería como mínimo dunha sesión de dúas horas e un grupo máximo de 25 alumnos/as. As sesións intentan dar a coñecer o material (arnés, corda, mosquetóns, oito etc.), o rocódromo e conceptos básicos sobre a escalada, o rápel, os nós, as travesías, normas de seguridade etc. 

- Parkour: Dirixido a rapaces e rapazas de 6º de primaria e que se realizará na propia instalación do centro. Actividade consistente en desprazarse dun punto a outro, superando os obstáculos existentes. Practicaremos os movementos básicos de desprazamento e saltos buscando fluidez e orixinalidade.

 - Body box: Dirixido a rapaces e rapazas de 1º de ESO e que se realizará no complexo deportivo municipal máis preto do IES. Actividade cardiovascular que mestura exercicio físico con artes marciais e movementos a base de puños e patadas.

 - Zumba: Dirixido a rapaces e rapazas de 2º de ESO e que se realizará no complexo deportivo municipal máis achegado ao IES. Actividade de coreografías con música actual adaptada para a idade xuvenil. 

- Remo e kaiak de mar:  Dirixido ao alumnado de 3º de ESO. Realizarase na Escola Municipal de Remo situada na Fábrica. Trataríase dunha única sesión por quenda onde se dividiría o grupo en embarcacións de remo e de piragüismo. Trátanse conceptos básicos de coñecemento do material, normas de seguridade e coñecemento básico da técnica deportiva. Será necesario traer o seguinte material: camiseta ou lycra de cambio, traxe de baño, chancletas e toalla. 

- Surf: Dirixida ao alumnado de 4º de ESO e que se realizará nas instalacións náuticas municipais da  praia de Bastiagueiro. Cada quenda estaría formada por un curso (máximo 25 alumnos/as). Coñecemento do material, seguridade no mar e técnicas básicas de propulsión nas ondas serán os puntos importantes a tratar nunha única sesión para cada quenda. 

Sendeirismo e kaiak nas Fragas do Eume: Dirixida a estudantes de bacharelato. Faremos unha pequena ruta dentro das Fragas do Eume, pararemos a comer co que leve o alumnado e a continuación montaremos nos kaiaks ata o punto de orixe. Facilitaremos todo o material necesario: kaiaks, palas e chalecos. Será necesario traer o seguinte material: camiseta ou lycra de cambio, traxe de baño, chancletas e toalla. Cada quenda estaría formada por un curso (máximo 25 alumnos/as). 

 Obxectivos:

  • Divulgar actividades deportivas  diferentes ós coñecidas como deportes convencionais ou tradicionais.
  • Fomentar a práctica de actividades que ofrecen posibilidades de práctica regular dentro do municipio.
  • Ampliar os recursos educativos da propia asignatura de Educación Física nos centros de ensino.
  • Crear e dinamizar unha “bolsa” de poboación xuvenil con coñecemento sobre as actividades municipais, e que poida servir como referente para as futuras ofertas deportivas.
  • Adquirir coñecementos e contidos básicos sobre cada unha das actividades propostas, material e empregar e aprendizaxe das técnicas básicas.

Destinatarios:

Alumnado de primaria e secundaria dos centros públicos de Oleiros. Os departamentos distribuen as actividades en diferentes cursos segundo o interese curricular.

Temporalización:

Desde o servizo municipal de deportes propoñemos aos departamentos de educación física que eles mesmos escollan as datas que máis lles conveñan para as distintas actividades escollidas, loxicamente entre o período escolar desde outubro a xuño.