Novas

NOVAS

Atrás O Premio Literario Descubrindo Oleiros outorga oito premios

O Servizo de Normalización Lingüística concedeu oito premios do concurso literario, no que participaron 215 persoas.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello organizou o X Premio Literario Descubrindo Oleiros, unha proposta que busca poñer en común promover a lingua e dar a coñecer o municipio.

Este premio está orientado a todos os rapaces e rapazas de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria e de ESO, mozos e mozas de 16 e 17 anos e persoas adultas empadroados/as no Concello de Oleiros, establecéndose seis categorías, atendendo á idade das persoas participantes. Os relatos tiñan que estar ambientados en Oleiros e escritos en lingua galega. 

Unha vez recibidos e lidos os 215 relatos participantes o xurado composto pola concelleira de Cultura e Normalización Lingüística, Educación e Xuventude, María José Santos Zas, pola técnica de normalización lingüística, Lucía Filloy López e pola graduada en Galego-Portugués Estudos Lingüísticos e Literarios, Sara López Gómez,  decidiron, atendendo á corrección lingüística, á calidade textual e á orixinalidade conceder os premios ás seguintes persoas, segundo as categorías ás que pertencen.

Na primeira categoría, na que participaron 66 nenos e nenas, resultou gañadora Mar Pérez Noriega, de 4º de primaria do CEIP Isidro Parga Pondal, polo seu relato O rato Nuno. Nesta categoría, outórgase tamén un accésit a Pedro Vilela Quintela, de 3º de primaria do CEIP A Rabadeira, polo texto A buxaina viaxeira.

Na segunda categoría, presentaron os seus relatos 100 alumnos e alumnas, e o xurado decidiu

que pola súa orixinalidade fose a gañadora Laura Barros Sanguino, de 5º de primaria do CEIP Isidro Parga Pondal, polo seu relato Rosas , outórgase tamén un accésit a Kamila Castrillo García, de 5º de primaria do CEIP Luis Seoane, quen presentou o conto Os nenos do Golfiño.

Na terceira categoría, presentáronse 20 textos e resultou gañadora Alba Caridad Castro, de 1º de ESO do IES Neira Vilas, polo relato Branco. Peixe voador de sete patas

Na cuarta categoría, presentaron os seus textos 11 persoas e resultou premiada Tariqua Brandón Rey, de 4º de ESO do IES Neira Vilas, polo texto As meigas de Ibarrola. A casa dos suspiros.

Na quinta categoría, presentaron os seus textos 13 alumnos e alumnas de bacharelato e resultou gañador Ignacio Márquez Ricoy, de 1º de bacharelato do IES Miraflores, quen presentou o relato Amigos.

E na sexta categoría, de persoas adultas, presentáronse 5 textos e gañou De camiño á igrexa, de Raquel Ríos Vázquez.

A entrega de premios realizarase o 14 de maio ás 19.00 horas nas Torres de Santa Cruz. O premio é un vale de 200 euros para cada persoa gañadora, para comprar libros en calquera das librerías de Oleiros.

Foi moi importante o labor dos centros de ensino na difusión e participación da rapazada, pois a maioría dos textos presentáronse a través dos colexios e institutos de Oleiros, polo que desde o Concello agradecen a colaboración dos centros. Así mesmo, o Servizo de Normalización Lingüística agradece a participación de todas e todos e anima a seguir escribindo.