Novas

NOVAS

Atrás Escolares do IES María Casares e do IES Neira Vilas participan no Correlingua este xoves

Oleiros, 3 de maio de 2011-. O Concello de Oleiros, a través do Servizo de Normalización Lingüística promoveu a participación do alumnado oleirense no Correlingua da Coruña deste mércores 4 de maio, financiando os autobuses para asistir a esta actividade.

No Correlingua participarán centros de ensino de toda a comarca e implicarán a case 45.000 persoas nas 15 edicións que se van realizar. Á edición da Coruña, van asistir case 200 alumnos e alumnas do IES Neira Vilas e do IES María Casares.

O Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común a partir de 2001 as diversas carreiras en prol do idioma que se convocaron no país. É unha proposta de carácter lúdico, educativo e reivindicativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito de medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro. O Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Confederación Intersindical Galega – Ensino (CIG-Ensino), a Mesa pola Normalización Lingüística, e os concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo, e conta tamén coa colaboración das deputacións de Lugo, A Coruña e Ourense, así como os distintos concellos das comarcas.

O lema deste ano será En galego sempre somos, con el preténdese sinalar a importancia da lingua como mellor vehículo de expresión da nosa identidade colectiva e como medio de unión entre as galegas e os galegos.