Biblioteca Pública Municipal Manuel María

Atrás Recomendacións en Radioleiros: 23 febreiro 2024

"A visita" de Núria Figueras, ilustrado por Anna Font e "Cometierra" de Dolores Reyes

Recomendacións en Radioleiros: 23 febreiro 2024"A visita", texto de Núria Figueras e ilustracións de Anna Font- Infantil (crianzas a partir de 4 anos):

"A visita" de Núria Figueras, ilustrado por Anna Font. En Kalandraka.

A raposiña queda soa na cova e recibe a visita do silencio. Pasan a tarde e a noite xuntos moi a gusto ata que regresa a nai da raposiña ao luscofusco. Fermoso e orixinal álbum ilustrado que combina unha tenra narración cun cromatismo desbordante. Obra gañadora do XVI Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados.

"Cometierra" de Dolores Reyes- Mocidade e persoas adultas:

"Cometierra" de Dolores Reyes. Editado por Sigilo.

Novela breve e intensa, ambientada na profundidade do Conurbano bonaerense, que narra en primeira persoa a historia de Cometierra.

Cometierra é unha moza que ten visións sobre persoas desaparecidas. Pode ver o que lles sucedeu tragando a terra que estivo en contacto con elas. Moitas veces están mortas, outras veces secuestradas e case sempre son mulleres. De feito na súa primeira visión, de nena, Cometierra descubríu que súa nai fora brutalmente asasinada  polo seu pai. As visión que ten Cometierra fan a súa vida moi difícil porque ela vive nun barrio onde a violencia, o desamparo e a inxustiza abrollan en cada recuncho. Por riba, cada vez son máis as persoas que acoden a ela desesperadas buscando aos seus seres queridos ante a neglixencia da policía e ela sinte a carga do seu don. Na persecución da verdade, no descubrimento do amor, no coidado entre irmáns Cometierra buscará o seu propio camiño. A autora adica esta novela á memoria de Melina Romero e Araceli Ramos, ás vítimas de feminicidio e ás súas sobrevivintes.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.