Biblioteca Pública Municipal Mª José Trincado

Atrás 23 de febreiro: Día de Rosalía de Castro

"Por un mundo + rosaliano"

23 de febreiro: Día de Rosalía de Castro en Bibloleiros

Ese amor que ela aqueceu e proxectou é un alento que aínda hoxe mapea horizontes, abre porvires e renace día a día en cada persoa que levanta a cabeza para que Galiza exista, nun mundo mellor, diverso e igualitario. Un mundo, en fin, máis rosaliano. Do manifesto Rosalía: o amor da patria galega de Carlos Callón para a AELG.

O 23 de febreiro conmemoramos o Día de Rosalía de Castro, data do seu nacemento. Rosalía de Castro é un símbolo para o pobo galego, unha das grandes poetas da literatura galega e española do século XIX e unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego. Un ano máis, as Bibliotecas Municipais de Oleiros xuntámonos á iniciativa que promove a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega  e celebramos o aniversario do nacemento da autora. A  AELG propón á cidadanía desde 2010 que agasalle un libro en galego e unha flor. O lema escollido para este 2024 foi #oamordapatriagalega.

En 2024 Carlos Callón foi a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, (sábado 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, Santiago de Compostela). Podes ler o manifesto nesta ligazón e ao carón da expo adicada á Rosalía de Castro no vestíbulo da Biblioteca Central Rialeda (Perillo).

Actividades en Bibloleiros para conmemorar este día:

Biblioteca Central Rialeda (Perillo):

Xoves 22 de febreiro, ás 18:30, sesión de contacontos para crianzas a partir de 5 anos a cargo de Antón Ke titulada "Cantares gallegos ao ukelele".

Exposición de libros e cedés musicais "Por un mundo + rosaliano".

Día de Rosalía 2024 na Biblioteca "Rosalía de Castro" (Santa Cruz)

Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz): as crianzas de 5 anos en adiante poden gozar dunha sesión da Hora do conto adicada a Rosalía o mércores 21 de febreiro ás 18:30 a cargo de Trémola Teatro titulada "A miña historia".

Actividade “Rosalízate” cun “caldiño de groria” a base de poemas de Rosalía.

Biblioteca Municipal "Mª José Trincado" (Mera): Mostra bibliográfica da obra rosaliana.

Día de Rosalía 2024 na Biblioteca "Manuel María" (Oleiros)

Biblioteca Municipal "Manuel María" (Oleiros): do 19 ao 29 de febreiro, mostra bibliográfica para todos os públicos “23 de febreiro, Día de Rosalía” con obras de Rosalía de Castro. Actividade para o público infantil “Pintamos a Rosalía”, no que as crianzas poderán colorear o retrato de Rosalía de Castro. Con todos os debuxos farase un mural.

Biblioteca Municipal "Mª José Ruso" (Dorneda): Mostra "Por sempre Rosalía", coa obra de Rosalía e doutros autores que lle adican o seu especial homenaxe a través da música ou a fotografía. As crianzas disporán de diversos pasatempos para xogar e aprender sobre a autora.

Biblioteca Municipal Ánxel Fole (Nós), as crianzas de 2 a 4 anos poderán gozar da sesión "Rosalía pequena" con Ramiro Neira, o venres 23 de febreiro ás 18:30. Exposición de libros infantís de e sobre Rosalía, marcapáxinas para pintar a Rosalía e pasatempos.

Biblioteca Municipal "Xograr Mendiño" (Lorbé): Expo de recursos bibliográficos de e sobre Rosalía de Castro. Debuxos para colorear cunha pequena biografía de Rosalía para repartir ás crianzas.