Radio Oleiros

Atrás Recomendacións en Radioleiros: 17 febreiro 2023

Cuberta do libro "Doña Problemas" de El Hematocrítico. Ilustracións de Paco Roca

Recomendacións en Radioleiros: 17 febreiro 2023- Infantil- Xuvenil:
"Doña Problemas" de El Hematocrítico. Ilustracións de Paco Roca. En Anaya.
Carlota é unha nena de 10 anos, moi intelixente e tremendamente empática. Isto concédelle un don case que sobrenatural para detectar e solucionar problemas. O patio do cole é a súa zona de actuación. Atoparemos situacións como unha mochila chea de iogur, un mural de ciencias que hai que preparar nos vinte minutos do recreo, etc. Sucesos moi de patio de escola que se misturan con temas tan importantes como o acoso escolar, a dificultade para facer amigas-os ou a soidade da terceira idade.
Cuberta do libro "Canto yo y la montaña baila" de Irene Solà
- Mozas-os e adultas-os:
"Canto yo y la montaña baila" de Irene Solà. Editado por Anagrama.
Un auténtico exercicio literario e de delicadeza. Dezaoito capítulos contados por dezaoito narradoras-es distintas-os. Porque non só falan as persoas: os cans, os corzos, as setas, as bruxas, as mulleres de auga, as pantasmas, mesmo a propia montaña terá algo que dicir. Todos formamos parte da natureza e todo o que existe ten algo que contar nesta novela. Unha novela que se desenvolve nas montañas dos Pirineos onde as paixóns son máis crúas e carentes de artificios. A insignificancia do ser humano para a natureza tamén porque calquera día pódenos partir un raio e ao día seguinte as flores seguirán medrando.
 

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.