Actividades culturais

Atrás MOSTRA DE PINTURA DE NOSARTE

Oleiros, con nome de muller, é unha exposición de debuxo e pintura realizada polos nenos e nenas dos CEIP Juana de Vega e Valle Inclán que asisten ás clases de NosArte: arte e pintura, dirixidas pola profesora Laura Gualda, docente e artista desde hai 15 anos. Nesta exposición tamén colaboraron pais e nais deste gran círculo artístico chamado NosArte.

Esta marabillosa iniciativa trata de dar voz, a través do debuxo, a numerosas mulleres que marcaron un antes e un despois na nosa sociedade e que teñen o seu recoñecemento no Concello de Oleiros, xa sexa con rúas, prazas ou esculturas, como o caso da “Tía Antonia”, matrona de Mera, obra do escultor Francisco Escudeiro. Foi un traballo de investigación rigoroso, xa que nos podemos atopar con personalidades do ámbito literario coñecidas como Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou Francisca Herrera. Pero Oleiros tamén rende homenaxe a outros rostros que foron menos coñecidos como é o caso de María Pilar Estévez Diéguez, mestra da parroquia de Nós nada en 1907, coñecida como “Dona Maruja”, lembrada con moito agarimo por veciños da parroquia e cuxa vocación e labor é un aliciente para as persoas adicadas ao ensino. En tempos da posguerra, Dona Maruja ensinaba baile rexional ás 80 alumnas da escola onde impartía clase, ademais de camiñar dous quilómetros diarios para chegar á escola.

Esta exposición é un proxecto amplo, onde se poderán ver as diferentes mulleres sobre as que traballamos, pero sempre desde a mirada inocente da infancia. Rosalía convertida en Centauro ou a “Tía Antonia” como unha superheroína disfrazada de formiga...todo é posible!

 

Data do evento

Do 8 ao 21 de marzo

Inauguración venres 8 de marzo  ás 19.00 horas

Horario

de luns a venres, de 9.00 a 15.00 e de 17.00 a 21.30 horas e sábados de 10.00 a 13.30 horas

Lugar de Celebración

Centro Cultural A Fábrica

(Rúa do Inglés, 13, Perillo - Oleiros)