Actividades "A porta violeta"

Atrás Coñecerse é vivirse. Obradoiro de auto coñecemento a través da menopause e perimenopausa

Coñecerse é vivirse foi un obradoiro de autocoñecemento activo arredor da menopausa e a perimenopausa (climaterio) dirixido a mulleres. Foi desenvolto ao longo do mes de abril de 2023 no marco de actuación do II Plan de Igualdade.

Coñecerse é vivirse foi un obradoiro de autocoñecemento activo arredor da menopausa e a perimenopausa (climaterio) dirixido a mulleres. Con el, buscouse favorecer o desenvolvemento de ferramentas e coñecementos, co fin de conseguir un estilo de vida positivo e saudable, reflexionando e introducindo outra mirada sobre as manifestacións da menopausa, o climaterio e a sexualidade. Para isto, aumentáronse os coñecementos das participantes en relación ás súas propias vivencias durante a etapa do climaterio e a menopausa. Ademais, buscouse dar resposta ás súas inquietudes, así como reflexionar sobre as vivencias persoais e sociais arredor deste fenómeno, ofrecendo información que sirva como base para a toma de decisións desde a autonomía e o coñecemento.

Esta actividade estivo desenvolta no marco de actuación do II Plan de Igualdade, tendo como finalidade crear un espazo seguro e amable, no que coñecerse e nutrirse para poder vivir de forma máis sa, satisfactoria e desde o coñecemento. Deste xeito, traballouse a relación co propio corpo e a saúde durante as etapas vitais nas que se produce a menopausa e perimenopausa, detectando cales son os cambios fisiolóxicos que se producen, os principais síntomas e trastornos asociados, recollendo ferramentas terapéuticas dirxidas a ter un maior benestar coa sintomatoloxía etc., todo ilo desde un enfoque integral, persoal e social.

Así, con este obradoiro buscouse:

  • Posibilitar un espazo de reflexión onde compartir as vivencias propias e persoais.  
  • Favorecer o desenvolvemento de ferramentas para conseguir un estilo de vida positivo e saudable desde o coñecemento e a autonomía.
  • Coñecer os aspectos relacionados con esta etapa vital, e aqueles factores que inflúen nos cambios.
  • Traballar a conceptualización da menopausa e o climaterio.  
  • Identificar os estereotipos, os temores e os mitos asociados á menopausa e a súa interiorización social.
  • Analizar os cambios producidos no propio corpo e aprender a valoralo, a coidalo, a querelo e a aprecialo, establecendo con el unha relación positiva desde a autoestima e a asertividade.
  • Coñecer os recursos comunitarios dispoñibles acorde coa súa etapa vital.

Durante as sesións, traballáronse os seguintes contidos:

  • Que sabemos e que non sabemos da menopausa e o climaterio.
  • Fisioloxía da menopausa.
  • Outra mirada sobre as manifestacións da menopausa.
  • Resignificación integral da menopausa dende o autocoñecemento, a autonomía e o bo trato.
  • Desmontando falsas crenzas sobre a sexualidade na menopausa.
  • Como vivir unha sexualidade gozosa e saudable durante e despois da menopausa.

Foi un obradoiro vivencial e, como tal, traballouse cunha metodoloxía activa, baseada no intercambio de ideas e no traballo persoal, creando un ambiente acolledor e agradable, no que resultase doado falar das propias emocións, preocupacións e dúbidas.

Ao final desta publicación, recóllense algunhas imaxes das diferentes sesións do obradoiro.