Atrás 8M de 2024. Declaración Institucional "Semente de vencer"

[semente de vencer]

Apartadas da vida política, artística, científica, de estudo e demais disciplinas e ámbitos laborais, historicamente as mulleres tivemos que loitar por destruír as cancelas á parcela que se nos asignou no mundo: o fogar e a familia.

Afortunadamente ao longo da historia houbo mulleres que ben, por posición de clase ou ben, por teima individual propia e das redes de apoio, cultivaron as artes, as ciencias, disciplinas e traballos reservados aos homes, mais o seu borrado e ocultamento foi notorio. Non foi ata que moitas mulleres conseguimos abrir as portas, buscar autonomía e identidade fóra do fogar cando comezou a reivindicación deses espazos e iniciamos a visibilización na busca de referentes propias.

Porque foron, somos.

Innegablemente, esta invisibilidade histórica respondeu a un motivo principal: negar a posibilidade de que unha muller fose igual ou superase intelectualmente a un home.

Como no seu día dixo Virgina Woolf  “na maior parte da historia, anónimo era unha muller”.

Ben é sabido o alto emprego, por parte de escritoras e investigadoras, de pseudónimos masculinos ou iniciais para ocultar a súa identidade; sabían que tan só desde a confusión de ser lidas como homes, podían aspirar a ser valoradas desde o terreo da neutralidade de xénero.

Sen sorpresa ningunha, funcionou.

Pola loita incansable de xeracións e xeracións de mulleres que se negaron a aspirar só á crianza, estamos nun momento histórico no que as mulleres temos acceso aos espazos de creación, investigación e demais ámbitos, gañando en relevancia e recoñecemento social. Cada vez estamos máis presentes e as novas xeracións teñen máis referentes mulleres nas que inspirarse. Un logro social que nos pon, sen dúbida, no camiño correcto cara a igualdade.

Pero non foi sen loita.

Non obstante, nos últimos anos volvemos enfrontarnos a unha nova, pero realmente vella, violencia: o cuestionamento constante da nosa valía.

 A dúbida sobre a calidade dos nosos traballos e creacións sobrevóanos.

Chocamos coa desconfianza social, pero tamén propia, de se cando unha muller recibe un premio, un nomeamento ou un ascenso, débese aos méritos propios ou se pola contra, se nos outorga polo “feito de ser mulleres”.

A sombra da sospeita escurece a calidade dos nosos esforzos; con demasiada frecuencia non se fala da calidade dun traballo ben feito, senón da identidade (feminina) de quen o elabora.

Así, o discurso que relega que os recoñecementos ás mulleres non son máis que procesos de branqueamento institucional para corrixir a inxustiza histórica da invisibilidade segue a ser o vello coñecido: que as mulleres non podemos ser intelectualmente igual ou superiores aos homes, e que se imos tendo cada vez máis recoñecemento social non é pola nosa valía, senón por corrección política.

Por todo iso, este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, desde o Concello de Oleiros queremos dicir NON ao constante cuestionamento ao que se nos somete. Se cada vez hai máis mulleres no cine, na literatura, na ciencia, na música, .. e se accedemos a postos de relevancia social, cultural e política é por unha conquista histórica deses espazos e pola nosa contrastada validez. Esa sospeita constante só ten un nome, MISOXINÍA

No Concello de Oleiros, seguiremos traballando en prol dun futuro máis amable, xeneroso, xusto e igualitario para as novas xeracións, por un futuro onde o xénero sexa simplemente irrelevante.

Porque somos, serán.

Porque no Concello de Oleiros, seguimos plantando, semente de vencer.