Dos 5.922 contratos realizados polo Concello de Oleiros entre os anos 2018 e 2022 todos foron tramitados e adxudicados conforme á lei de contratación pública. Ningún deses anos os contratos menores foron máis do 31% e, en todos os casos, responden a motivos excepcionais ou de urxencia, para non demorar a resolución de problemas que afectan á cidadanía, como por exemplo reparacións de vía pública.
En canto á transparencia e á comunicación, a web municipal recolle toda a información obrigatoria por lei e moita outra a maiores do estipulado: contratos, pagamentos, orzamentos, decretos, plans, organigrama, noticias,… O Concello realiza un importante traballo diario para garantir o dereito da cidadanía a dispoñer dunha información veraz da actualidade municipal mediante paneis luminosos, Radio Oleiros, xornal Vivir en Oleiros, redes sociais, intervencións en programas de radios, actos públicos, etc...
En relación a todos estes asuntos, o Consello de Contas emitiu recentemente un informe con numerosos datos inexactos, con interpretacións imprecisas da información da Plataforma de Contratación do Estado, ademais de realizar solicitudes relevantes por vías informais. Por ese motivo, o Concello de Oleiros presentou unha queixa formal ante o Conselleiro maior do Consello de Contas co fin de garantir o respecto aos procedementos e á legalidade administrativa en todas as actuacións de fiscalización.