Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Obradoiro de rakú no Museo Os Oleiros o 16 e 23 de marzo

O Concello organiza un novo obradoiro de rakú impartido polo ceramista Nano Unzueta no Museo Os Oleiros.

O raku é o nome que reciben tanto a técnica como un tipo de olería de orixe xaponés. Consiste na aplicación de distintos esmaltes sobre a superficie das pezas que despois se levan ao forno. Cando os esmaltes alcanzan o seu punto de cocemento sácanse aínda incandescentes coa axuda de pinzas de ferro e deposítanse nun recipiente cheo de serraduras (tamén se poden usar follas secas ou anacos de periódicos). Cando as pezas tocan estes materiais incéndianse e xérase unha enorme cantidade de fume que penetra na peza. Os esmaltes reaccionan co fume e a calor e converten os óxidos en metais. Logo de varios minutos, o proceso químico fíxase baixando bruscamente a temperatura con auga. O resultado de todo este proceso fai que xurdan na superficie da cerámica cambios de cor e efectos sorprendentes.

Os días 16 e 23 de marzo terá lugar no Museo Os Oleiros un novo obradoiro de rakú dirixido a persoas maiores de 12 anos empadroadas no concello.

A actividade será dirixida polo ceramista Nano Unzueta e é obrigatorio asistir os dous días. O obradoiro dividirase en dúas quendas:
                1ª quenda: de 16.00 a 18.00 h
                2ª quenda: de 18.00 a 20.00 h

O prezo da actividade é de 4,00€.

As persoas interesadas poderán inscribirse do 4 ao 12 de marzo nos seguintes enlaces:
1ª quenda: https://www.oleiros.org/web/forms/shared/-/form/1069909


2ª quenda: https://www.oleiros.org/web/forms/shared/-/form/1069929


Tamén de xeito presencial no Museo Os Oleiros ou no teléfono 981 626 692 só para aquelas persoas que non dispoñan de acceso aos medios dixitais.

back link