Oleiros, 4 de decembro de 2012-. O Concello de Oleiros organizou ao longo do pasado mes de novembro unha serie de charlas informativas que achegaron a nova sede da administración electrónica á cidadanía. As charlas, que foron impartidas por un técnico cualificado, celebráronse nas distintas casas do pobo e nos centros cívicos de cada localidade para evitar desprazamentos.
Esta fiestra dixital á Administración conta inicialmente con 22 trámites dispoñibles, 14 para a cidadanía e 8 para provedores, pero esta cantidade irase incrementando progresivamente a medida que se cumpran fases da posta en marcha do Plan de Administración Electrónica do Concello de Oleiros. A nova sede electrónica dispón de sistemas que permiten o establecemento de comunicacións seguras sempre que estas sexan necesarias. Para isto, o portal establece o Rexistro Electrónico en 5 trámites para os que é necesaria a identificación e a sinatura mediante e-DNI, ou certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre.