Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Este domingo ás 20.00 horas chega Menú da fala a Oleiros

Oleiros, 16 de novembro de 2016-. A Deputación da Coruña organizou dentro da súa programación DAC Outono Cultural o espectáculo Menú da fala, de Carlos Blanco e Luis Davila o vindeiro domingo 20 de novembro ás 20.00 horas, no auditorio Gabriel García Márquez. Esta función é unha homenaxe á lingua, unha celebración oral que fai unha simbiose entre narración e imaxe para poñer en valor o noso idioma, xogando e gozando para mantelo vivo e darlle brillo, adaptado aos tempos que corren. Carlos Blanco e Luís Davila fan fotografías do natural amosando o orgullo do galego, con notas de humor e debuxos únicos. A entrada é gratuíta con invitación ata completar a capacidade do auditorio. As invitacións poderán recollerse no auditorio desde as 19.00 horas.

A través deste programa DAC_Outono Cultural a Deputación da Coruña organizou unha serie de espectáculos para achegar as figuras de Castelao, Irmandades da Fala e Manuel María a un público de todas as idades en 18 concellos da provincia. Ademais de Menú da fala, o sábado 19 de novembro, na festa da centola de Lorbé haberá unha actuación de rúa. Esta representación traslada á rúa esa unión, forza e sinerxía que supuxeron para o país as Irmandades da Fala, baseándose na historia e no seu ideario.

 

back link