Santa Cruz acollerá na Praza Esther Pita dous días de rock que farán as delicias de todo o público asistente.
O sábado 4 ás 20:00 horas inaugurará o evento musical J.TEIXI BAND, a banda liderada por Javier Texidor e outros membros destacados de recoñecidas bandas lendarias como MERMELADA e LOS ELEGANTES; que busca nas raíces da música negra un son propio e intrasferible cuxas letras sempre en castelán abarcan desde o soul ata o blues, marcando un estilo propio dentro do Rhythm&Blues.
A partir das 22:00 horas será a quenda de BURNING, a mítica banda de rock madrileña dos 70 e 80 que tras unha longa traxectoria está agora inmersa na súa xira de 5 décadas de Rock. Preséntase en Rockanroleiros liderada polo carismático Johnny Cifuentes. O seu estil permaneceu fiel ás súas raíces: inspirada no rock and roll clásico, o rythm and blues e o blues, con referentes claros como Lou Reed, Johnny Thunders, The New York Dolls, os vellos rockeiros dos 50-60 e, sobre todo, The Rolling Stones.
O peche da noite será a cargo de LUBACK, a partir das 00.00 horas. Unha banda que desde o 2011desenvolveu unha identidade inconfundible. Rock, blues, folk, soul combínanse con fluidez baixo a forza interpretativa de 5 grandes músicos. A banda xurdiu da necesidade de utilizar a música como ferramenta para contar as cousas que suceden e intentar cambiar o mundo: un proxecto comunitario onde cada componente achega a súa alma e virtuosismo para crear algo especial.
O domingo 5 será o día das bandas locais. Na sesión vermú, de 13:00 a 15:00 horas, actuarán THE BLACK AGE e MÁXICA. The Black Age é unha banda inspirada pola música hard rock rebelde dos anos 70 e 90 con influencias do Punk, Blues e rock alternativo. MáXicA é unha banda que versiona clásicos do Rock de todos os tempos. Esta será a súa sexta participación no festival Rockanroleiros polo que teñen un afecto especial.
A sesión tardeo (16:00-20:00h) comezará coa actuación de MADAME BIRD, seguirá con TPM para pechar a xornada con DESUBICADOS.
MADAME BIRD é o proxecto de Carla de Figueredo, unha das voces mais prominentes da escena «negra» galega, quen tras dous anos de andaina virando por distintas salas facendo grandes versións de rocksteady e northern soul, agora disponse a dar o gran salto gravando Old Souls, un disco de tintes souleiros co que levanta as súas ás negras para levarnos ao mais alto coa súa música e a súa radiante voz, que nos arrastra á primeira Aretha ou á mismísima Etta James. Os temas de Madame Bird son unha mestura moi persoal con influencias que van dende o northern soul máis tradicional ata o R&B máis agresivo, pasando polo jazz crooner dos primeiros 50 ou as baladas da Chess dos 60. En directo, Carla de Figueredo preséntase acompañada por Diego Rois (teclados) Jose Triay (guitarra), Toño Martín (baixo) e Alberto Camba (batería)."
TPM volven despois de 20 anos con máis forza que nunca, finalistas na batalla de bandas do Flores Rock 24 e tocando varios concertos por Coruña, Vigo, Pontevedra, León.... En 2025 sacan á luz o seu novo traballo "Ataraxia".
DESUBICADOS é un grupo pop-rock de temas propios onde o estilo, o gusto e a harmonía cobran sentido. Pablo Romero cantante-compositor e guitarra principal, Eduardo Fernández ao baixo e coros e Ricardo Abad á batería forman esta banda nacida en 2014 pero en permanente evolución.
Durante os dous días de festival instalaranse na Praza Esther Pita unha foodtruck e diferentes postos de merchandising rockeiro. Ademais, o domingo tamén haberá postos de artesanías.
A entrada é de balde.