Oleiros, 21 de febreiro de 2022-. Con motivo da conmemoración da data de nacemento de Rosalía de Castro o día 23 de febreiro, o Concello organiza esta semana un concerto infantil nas bibliotecas municipais. Cantando os cantares de Truque Matruque achegará con música unha das obras máis importantes da literatura galega, Cantares Gallegos.
O 24 de febreiro haberá unha primeira sesión na Biblioteca Rosalía de Castro en Santa Cruz, ás 18:30 horas. O día 23 de marzo, tamén ás 18:30 horas, o concerto repetirase na Biblioteca Central Rialeda, en Perillo.
Ademais dos concertos, expoñerase unha mostra bibliográfica sobre Rosalía de Castro en todas as bibliotecas municipais, con libros e CD para todos os públicos. Tamén haberá un pasatempo infantil, un labirinto para que os nenos e as nenas busquen o xeito de ir da casa de Rosalía en Padrón ata Santiago.
Rosalía de Castro é un símbolo para o pobo galego, unha das grandes poetas da literatura galega e española do século XIX e unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego.