Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello instalará Puntos Violeta en Santa Cristina e Bastiagueiro a noite de San Xoán

Imagen O Concello instalará Puntos Violeta en Santa Cristina e Bastiagueiro a noite de San Xoán

Con motivo da celebración do San Xoán este vindeiro luns pola noite, o Concello de Oleiros instalará Puntos Violeta nas praias de Bastiagueiro e Santa Cristina, que estarán operativos desde as 23:00 horas ata as 03:00 da madrugada. Con esta iniciativa, o Concello continúa traballando activamente na prevención e actuación fronte ás violencias sexuais, LGTBIfóbicas e demais violencias machistas, mantendo o compromiso cunhas festas seguras e libres de violencias. 

Os Puntos Violeta son espazos seguros de referencia, atención e acompañamento, atendidos por profesionais especializadas en igualdade, diversidade e violencias machistas. Dispoñen dun Protocolo de Actuación ante calquera tipo de agresión, en coordinación directa coas forzas e corpos de seguridade e os servizos sanitarios.

Ademais de ofrecer atención directa, os Puntos Violeta tamén funcionan como espazos de sensibilización abertos á cidadanía, nos que se proporciona material informativo e se desenvolven accións divulgativas e participativas adaptadas a todas as idades.

Ao longo de todo o ano, o Concello está a instalar Puntos Violeta nas diferentes parroquias e festexos, dando continuidade un ano máis á campaña: “Non faltes á festa, pero de festa non faltes. Por unhas festas libres de violencias machistas.”