Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello de Oleiros insiste na urxente necesidade de retomar as obras da vía Ártabra

As obras de conexión da vía Ártabra coa AP-9, imprescindibles para continuar posteriormente ata a A-6, levan 4 anos paralizadas xudicialmente debido a erros administrativos cometidos pola Xunta de Galicia na aprobación do proxecto. Unha vez máis, o Concello reclama que se aprobe novamente o proxecto necesario para poder contratar a obra e dispoñer dunha infraestrutura viaria comarcal imprescindible para mellorar o tráfico no conxunto da area metropolitana coruñesa.

A vía Ártabra é unha gran circunvalación comarcal, desde o porto de Lorbé ata a Ronda de Outeiro, pasando pola N-VI, AP-9, N-550, A-6 e a terceira ronda, dando servizo directo aos concellos de Sada, Oleiros, Cambre, Bergondo, Culleredo, Arteixo e A Coruña. Os intereses persoais, os cálculos electoralistas e os discursos delirantes non poden paralizar unha infraestrutura de máxima prioridade para a comarca da Coruña. 

A vía Ártabra é progreso, é incrementar a competitividade de empresas e autónomos, é non perder horas en atascos, é non chegar tarde a traballar ou ao médico, é aforrar en combustible e reducir a contaminación… é mellor a calidade de vida de milleiros de persoas. 

O Concello de Oleiros non cesará nas súas demandas á Xunta para que faga prevalecer o interese xeral para mellorar o tráfico, o que tería efectos significativos inmediatos en toda a N-VI, a ponte Pasaxe, a estrada da costa, a Costa da Tapia, a zona do Burgo...

back link