Oleiros, 25 de xaneiro de 2016-. Mañá xoves abre o prazo de inscrición para dúas actividades que se desenvolven baixo o marco do Plan de Igualdade do Concello de Oleiros: o Obradoiro do corpo e o Obradoiro de Danza Espello. As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas en participar teñen ata o 2 de febreiro para formular as súas inscricións.
O Obradoiro do Corpo é un actividade física, pero que persegue obxectivos de benestar integral, xa que pretende revalorizar a identidade de cada muller participante desde a propia actividade corporal, así como fomentar hábitos de vida saudables e favorecer unha maior vida social. O benestar postural, a tonificación muscular, a respiración e a relaxación, os estiramentos a conciencia corporal… son algún dos aspectos a traballar, ademais de favorecer o intercambio de experiencias e o apoio mutuo.
Danza Espello botou a andar o ano pasado de forma experimental e tras o éxito acadado, tanto en participación como en beneficios para as mulleres participantes, repítese abrindo a súa participación. Esta actividade, de carácter terapéutico, está orientada ao benestar emocional. A danza, a música e a expresión corporal son ferramentas fundamentais para acadar ese fin.
As solicitudes poden descargarse da web municipal ou recollerse en persoa nas dependencias de Servizos Sociais, posteriormente deberán presentarse no rexistro do Concello de Oleiros antes de que remate o prazo de inscrición. No suposto de haber máis solicitantes que prazas dispoñibles, farase un sorteo para adxudicar as prazas.
Para unha maior información as persoas interesadas poden dirixirse ao departamento de Servizos Sociais do Concello de Oleiros ou ao teléfono de atención ao veciño 981 610 000. Nas próximas semanas abrirase tamén o prazo para outras actividades do Plan de Igualdade.