
Na XXII Campaña de promoción da lectura as bibliotecas municipais de Oleiros ofrecen 24 actividades dirixidas ao alumnado dos centros de ensino público de Oleiros. Dende a Biblioteca Central Rialeda estase presentando, nos colexios e institutos, as diferentes actividades que o profesorado pode elixir durante este curso escolar para o seu alumnado, clasificadas en función dos cursos ou idades á que van dirixidas.

Para educación secundaria ofértase un espectáculo titulado
“Xeografía do imaxinario: contos e lendas da mitoloxía galega”; ou tamén un contacontos baseado en relatos de
Edgar Allan Poe de
“O corazón delator e outros contos” ; ou
“Contos de candil que ninguén cre” que é un contacontos realizado a partir das obras de
Ánxel Fole “Á lus do candil”,
“Contos da néboa” e
“Historias que ninguén cre” ; tamén
“Cen anos de maxia”, que son actividades baseadas na obra “
Merlín e familia” de
Álvaro Cunqueiro ou
“Feirantes” que é un contacontos que adapta a obra “Os outros feirantes” de
Álvaro Cunqueiro;
“Canción de Nadal” a partir da adaptación do libro de
Charles Dickens ;
“O neno preguntaba...”, que é un concerto poético da obra de
Celso Emilio Ferreiro.
Para bacharelato, un recital de diferentes poesías de “La voz a ti debida” de Pedro Salinas ; ou a narración de diferentes pasaxes da obra dramática de Shakespeare “Macbeth”; ou “Las Ingeniosas del hidalgo: El Quijote en voces de mujeres” que é un espectáculo con varios monólogos curtos no que se dramatizan diferentes personaxes femininos de El Quijote.
Para diferentes idades tamén se presentan obradoiros sobre o escritor ao que se lle dedica o
Día das Letras Galegas no ano 2013,
Roberto Vidal Bolaño, sen esquecernos dos tradicionais obradoiros de ilustración ou talleres de iniciación á banda deseñada. Tamén se ofertan obradoiros infantís e xuvenís de poesía, visitas guiadas á
Biblioteca Central Rialeda, etc

Actividades moi diferentes que se van a desenvolver na
Biblioteca Central Rialeda en Perillo, na
Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz ou na
Biblioteca Municipal Manuel María; coa finalidade de fomentar a lectura e promover os libros e os obxectivos de que o alumnado dos centros de ensino público de Oleiros coñezan algunhas das bibliotecas do seu municipio; potenciar a súa asistencia non só como lugares de estudo e consulta, senón tamén como centros de lectura lúdica; espertar o gusto pola lectura, de forma que vexan os libros como algo ameno, cos que poden pasar bos momentos ao mesmo tempo que se instrúen e amplían os seus coñecementos; achegarnos pola vía da animación aos sectores menos dados á lectura, a aqueles nenos/as, adolescentes e mozos/as que non senten ningún interese por esta; incidir na importancia dos libros de contos, narracións e historietas no desenvolvemento da imaxinación e creatividade dos nenos/as, adolescentes e mozos/as; favorecer procesos de creación e expresión oral e escrita; fomentar unha lectura lúdica, crítica e reflexiva que os faga pensar e reflexionar como cidadáns/as máis libres e solidarios; vivir o libro en colectividade, enriquecéndose cunha lectura activa e participativa; promover a reflexión nos diferentes axentes educativos sobre a importancia da lectura como un enriquecemento individual e colectivo.

Descarga o folleto