O Concello de Oleiros edita a publicación "Rialeda, poesía da natureza" sobre o edificio da biblioteca Rialeda e as árbores do seu xardín.
A Biblioteca Central Rialeda está situada nun edificio modernista proxectado no ano 1912 polo arquitecto coruñés Rafael González Villar e restaurado polo Concello de Oleiros a través de dúas escolas taller, inaugurándose como biblioteca en 1998.
Rodeada dun agradable xardín con gran diversidade de árbores e arbustos, no que destacan un cedro do Himalaia e frondosos tileiros, pódense atopar especies variadas, desde castiñeiros ata outras moi adaptadas ao noso territorio, como son as camelias ou as magnolias.
En "Rialeda, poesía da natureza" amósase unha fotografía de cada especie vexetal xunto coa descrición da planta acompañada duns versos da obra de diversos escritores e escritoras.
Os textos das árbores e arbustos foron realizados por Fina Mosquera Roel, profesora de ensinanza primaria no colexio Valle Inclán de Perillo.
As fotografías e o deseño son de Miguel Sánchez Mosquera que estudia Bachelor of Arts de fotografía e vídeo en LABA Valencia School of Art Design & New Media.
A coordinación e a selección das poesías foi realizada polo persoal da Biblioteca Central Rialeda.
Deséxase potenciar a cultura de unir ciencia e literatura e invítase a que visiten a biblioteca e gocen do apracible parque.