Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Concello retoma un ano máis a instalación de Puntos Violeta nas festas e verbenas do municipio

Imagen O Concello retoma un ano máis a instalación de Puntos Violeta nas festas e verbenas do municipio

 O Concello de Oleiros inicia esta fin de semana o programa anual de instalación de Puntos Violeta nos festexos nocturnos das distintas parroquias, cun calendario que prevé máis de 30 intervencións ao longo de 2026 en colaboración coas comisións de festas municipais.


A programación comezará coas festas de San Xurxo en Iñás, onde se habilitará un Punto Violeta os días 17 e 18 de abril (este venres e sábado), en horario de 23:00 a 03:00 horas, dando continuidade a unha liña de traballo consolidada que busca reforzar a prevención e a resposta fronte ás violencias machistas en contextos de lecer nocturno.

Os Puntos Violeta configúranse como espazos de referencia, atención e acompañamento ante posibles situacións de violencia machista —incluíndo violencias sexuais e LGTBIfóbicas—, atendidos por profesionais especializadas e en coordinación coas Forzas e Corpos de Seguridade a través dun protocolo específico de actuación. A súa presenza nas festas permite ofrecer unha resposta inmediata, próxima e especializada, ao tempo que contribúe a xerar contornas máis seguras.

Xunto á atención directa, estes dispositivos teñen tamén unha función clave en materia de sensibilización social. Nos Puntos Violeta facilítase información sobre recursos e servizos municipais, distribúense materiais divulgativos e desenvólvense accións participativas adaptadas a diferentes idades, orientadas a promover o respecto, o consentimento e o coidado colectivo como elementos centrais da convivencia.

A iniciativa enmárcase na estratexia municipal de igualdade e prevención das violencias machistas, coa que o Concello de Oleiros leva anos reforzando a súa presenza nos espazos festivos, apostando por integrar a perspectiva de xénero tamén nos contextos de ocio e celebración.