Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello financia unha nova brigada sanitaria da ONG Solidariedade Galega en Chiapas

O Concello de Oleiros concederá unha subvención de 18.884 euros á ONG Solidariedade Galega para financiar integramente un novo proxecto de asistencia sanitaria especializada no Hospital San Carlos de Altamirano, en Chiapas (México), centro de referencia para a atención da poboación indíxena da zona. A previsión é atender a un total de 755 persoas.

A misión solidaria desenvolverase entre o 29 de outubro e o 15 de novembro e contará coa participación de 10 profesionais sanitarios: 2 especialistas en xinecoloxía, 2 en cirurxía xeral, 2 anestesistas, 2 oftalmólogos, 1 pediatra e unha persoa coordinadora. O equipo traballará en colaboración co persoal do hospital para realizar intervencións cirúrxicas, consultas especializadas e actividades de formación e acompañamento aos profesionais sanitarios locais.

O proxecto contempla dúas liñas de actuación. Por unha banda, o equipo cirúrxico desenvolverá a súa actividade nas instalacións do Hospital San Carlos de Altamirano, realizando as intervencións previamente programadas coa dirección do centro. Por outra, os profesionais das áreas de pediatría, oftalmoloxía e xinecoloxía poderán desprazarse ás comunidades zapatistas para atender a poboación que ten maiores dificultades para acudir ao hospital, evitando así os gastos de transporte.

Solidariedade Galega é unha organización sen ánimo de lucro que presta asistencia sanitaria e social a persoas en situación de vulnerabilidade en países empobrecidos, especialmente a aquelas que, por motivos económicos, sociais ou xeográficos, non teñen acceso a atención médica especializada. A súa actividade tamén promove a formación dos profesionais sanitarios e a colaboración co persoal local para contribuír á mellora dos servizos de saúde.

O Concello de Oleiros colabora de maneira continuada con Solidariedade Galega desde o 2016, financiando proxectos que buscan garantir o acceso á atención sanitaria de persoas con dificultades para recibir estes servizos. Nesta ocasión, achegará o 100 % do orzamento previsto, que ascende a 18.884 euros, para facer posible esta nova misión humanitaria en México.
 

back link