Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello denuncia os efectos devastadores da lei de educación dixital para os nenos e nenas galegos

O Concello de Oleiros manifesta o seu total rexeitamento ao anteproxecto da Lei de educación dixital da Xunta de Galicia polos graves prexuízos que se van xerar sobre a saúde mental e física da infancia e mocidade galega. Demostrado cientificamente os efectos adversos do uso de pantallas e tecnoloxías en idades temperás; é indignante que con esta futura lei, entre outras aberracións, se lles vaia poñer correo electrónico a nenas e nenos de 10 anos. 

A exposición a dispositivos tecnolóxicos nas aulas non é un avance, senón un retroceso pedagóxico que está a xerar graves prexuízos: cadros de ansiedade, déficit de atención, illamento social e unha dependencia patolóxica que anula a capacidade crítica dos menores.

O que hoxe están a provocar as pantallas non dista moito dos danos provocados pola heroína nos anos 80. Daquela destruíronse xeracións enteiras ante a pasividade das institucións, e hoxe estamos permitindo que a tecnoloxía sen control actúe como unha droga de deseño que desmantela o cerebro dos nosos nenos e nenas. A cegueira dixital do Goberno da Xunta está a ignorar os informes científicos que vinculan o abuso de dispositivos con danos neurolóxicos irreversibles.

O Concello de Oleiros seguirá a defender un modelo educativo baseado no contacto humano, o papel e a interacción real, promovendo numerosas actividades escolares como: excursións, deportes, concertos, hortas escolares, danza, visitas ás bibliotecas, programas de prevención das adiccións, mediación para resolver conflitos, alimentación saudable, igualdade de xénero; educación afectivo sexual, uso de novas tecnoloxías... En total 1 millón de euros de investimento municipal para inculcar valores e principios imprescindibles.

O progreso non é estar conectado a unha tableta oito horas ao día; o progreso é ter unha infancia sa, creativa e libre de adiccións impostas desde a propia escola.
 

back link