Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Concello de Oleiros organiza unha ruta familiar pola Terra Chá

Imagen O Concello de Oleiros organiza unha ruta familiar pola Terra Chá

O Concello de Oleiros organiza o vindeiro 9 de maio unha ruta pola Terra Chá que discorre arredor da Lagoa de Cospeito.

O vindeiro sábado 9 de maio terá lugar unha nova edición do programa Andares por Galicia, a Cultura da Natureza, organizado polo Concello de Oleiros, tratándose nesta ocasión dunha ruta familiar.

As rutas familiares están dirixidas a familias, nas que poderán participar menores que como mínimo cumpran 6 anos no ano da actividade, e o pai e a nai ou titor/a legal. Nas rutas familiares deberán inscribirse, como mínimo, un/unha menor máis un/unha proxenitor/a ou titor/a. Poderán participar fillos/as maiores de idade.

Ofértanse 40 prazas para cada unha das saídas cun prezo público de 12 euros para persoas adultas e 6 euros para menores de idade.

As preinscricións realizaranse preferentemente a través da web municipal a partir do luns 27 de abril ás 10.00 horas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. A adxudicación de prazas será por rigorosa orde de inscrición con preferencia para persoas empadroadas no Concello de Oleiros.

A ruta discorre arredor da Lagoa de Cospeito, zona húmida que se desecou parcialmente durante o franquismo e que tras varios proxectos de restauración ambiental vai recuperando o seu valor ambiental. Ao longo da mesma hai varios observatorios ornitolóxicos, algúns sobreelevados, para poder gozar da observación das aves que acolle especialmente na época de invernada. 

Durante o percorrido visitaranse puntos de interese como  a ZEC Parga - Ladra – Támoga, a Reserva da Biosfera “Terras do Miño”, Lagoa de Cospeito, arquitectura popular no río, bosques autóctonos e árbores senlleiras, pobos de colonización da Terra Chá, barrio das cegoñas... para rematar cunha visita cultural ao Espazo Museístico de Muimenta: antiga Escola, Museo das Zocas, Xogo Tradicional, Árbores senlleiras e Igrexa Vella.

Para obter máis información sobre esta ruta e o conxunto do programa é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org