Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello celebra que a Real Academia dedique o Día das Letras a Xosé Neira Vilas

O Concello de Oleiros quere expresar a súa total satisfacción pola decisión da Real Academia Galega de dedicar o Día das Letras Galegas 2027 a Xosé Neira Vilas. Trátase dun dos autores máis universais da literatura galega e unha figura imprescindible na defensa da nosa lingua, da nosa cultura e da identidade do pobo galego; que ademais estivo estreitamente vencellado a Oleiros.

A relación de Xosé Neira Vilas con Oleiros nace en Cuba, nos anos 80, da man do alcalde Ángel García Seoane, que entre moitas outras xestións en beneficio do escritor, intermediou ante Manuel Fraga para que a Xunta procedese á rehabilitación da súa vivenda natal en Gres, o que permitiu o regreso a Galicia do escritor. Antes diso, o alcalde tamén foi o artífice da súa visita a Oleiros en maio de 1989, con motivo da inauguración do instituto de Perillo -ao que o Concello decidiu outorgarlle o seu nome, así como á rúa adxacente-. Nese mesmo acto en Perillo tamén recibiu a Medalla Castelao por parte do presidente González Laxe.  

Xosé Neira Vilas tamén participou en numerosas actividades culturais organizadas no municipio ao longo dos anos, mantendo un forte compromiso cos programas de promoción cultural do Concello; ademais de avalar e defender continuamente o proxecto político do Goberno municipal. O escritor foi habitual en presentacións de libros, encontros literarios, conferencias e actos públicos en Oleiros. A súa proximidade e xenerosidade deixaron unha fonda pegada en numerosos veciños e veciñas, pero especialmente entre a mocidade. 

Esta designación por parte da Real Academia supón un recoñecemento merecido a quen, a través da súa obra literaria e do seu compromiso cívico, contribuíu decisivamente á proxección internacional da cultura e lingua galega. Libros como Memorias dun neno labrego, a obra máis lida da literatura galega contemporánea; forman parte xa do patrimonio colectivo de varias xeracións de galegos e galegas.

Para honrar a súa figura e explicar a súa pegada e relación con Oleiros, o Concello organizará durante o vindeiro ano unha ampla e variada programación de actividades e actos. 

back link