Publicacións

Atrás Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Oleiros

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) do Concello de Oleiros nace como tal no ano 1993, asumindo as funcións que anteriormente desenvolvía o servizo de salvamento e socorrismo, e en resposta á demanda de servizos dun concello en constante crecemento para atender os diversos eventos que se celebran ao longo do ano no termo municipal. Na actualidade, a Agrupación encárgase de dar cobertura a eventos de diferente índole. As funcións do voluntariado son, entre outras cousas, as de: promoción da prevención e autoprotección cidadá así como a colaboración, auxilio e apoio dos servizos públicos de protección civil, e, en todo caso, son as indicadas no Plan de Emerxencia Municipal (PEMU) e demais plans de protección civil do sistema autonómico, aprobados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

A nosa base operativa encóntrase na rúa do Barbanza nº 2, nave 1 (Iñás), situada nas instalacións que conforman o viveiro de empresas do Concello de Oleiros. Este novo edificio conta con todos os servizos necesarios para o desenvolvemento das nosas actividades.

Durante os meses de verán, a actividade da Agrupación vese notablemente incrementada debido á grande afluencia de visitantes e á celebración de diversos eventos, festas patronais, probas deportivas, etc. Se che interesa colaborar connosco, nesta páxina web tes a posibilidade de apuntarte e converterte en voluntario ou voluntaria de protección civil ou ben podes facelo poñéndote en contacto connosco no teléfono 981 636 933 ou ben mandar un correo electrónico a p.civil@oleiros.org.

Tamén podes encontrar máis información sobre a agrupación na súa páxina web: www.proteccionciviloleiros.org