Un ano máis, erguémonos en pé, contra a violencia de xénero.
E un ano máis, as cifras falan por si soas: 39 mulleres asasinadas no Estado español desde xaneiro de 2025; 1.334 asasinadas desde 2003 polo mero feito de ser mulleres.
Porén, estes asasinatos son só a cúspide dun sistema que violenta ás mulleres cada día. Por debaixo seguen a latexar mares de violencias cotiás: comentarios, silencios, chistes, control, exclusión, mensaxes, ameazas, miradas… . Violencias que nos sitúan como obxecto, que perpetúan os estereotipos, que cuestionan o noso valor, que limitan o noso espazo, que silencian a nosa palabra. Violencias que se infiltran nos medios, na linguaxe, na publicidade, nas redes e nas relacións. Violencias que, moitas veces, nin sequera se queren recoñecer como tales, pero que mancan, e moito, porque son as que abonan o terreo sobre o que medran as máis extremas.
Á par, as violencias dixitais avanzan e multiplican os seus efectos. As redes sociais e as plataformas en liña convértense en espazos onde as mulleres, especialmente as máis novas, son obxecto de acoso, chantaxe, control, difusión non consentida de imaxes, sextorsión ou discursos de odio.
Porque non é virtual o dano que causan. É real. Doe. Limita. Por iso, a alfabetización dixital con perspectiva feminista e de xustiza social é xa unha cuestión de responsabilidade colectiva.
A violencia de xénero, en calquera das súas manifestacións, non é un feito illado, e moito menos un problema privado: é un problema estrutural e político, que require compromiso social, recursos públicos e vontade colectiva.
Non abonda con condenar cada asasinato: cómpre previr, educar e transformar.
Cómpre desmontar o sistema desde a raíz, revisando as nosas propias actitudes, palabras e silencios. Cómpre tamén que os homes asuman a súa parte da responsabilidade, implicándose activamente na erradicación de todas as formas de violencia machista, directas e indirectas.
Hoxe, 25 de novembro, lembramos a todas as que foron, acompañamos ás que están e protexemos ás que virán.
Reivindicamos a súa memoria e reafirmamos o noso compromiso: seguir traballando desde o Concello de Oleiros na prevención, detección, atención e sensibilización fronte a todas as violencias machistas, promovendo unha sociedade libre de desigualdades, de medos e de silencios.
Porque non é unha loita de mulleres, é unha loita de toda a sociedade.
Porque a igualdade non se negocia.
Porque vivir sen medo é un dereito.
Porque seguimos, e seguiremos, en pé contra a violencia de xénero.