A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello O lar das palabras, un obradoiro para o público familiar (pais e nais con nenos e nenas de 3 a 8 anos), destinados a coñecer a lingua galega e fomentar o seu uso desde unha perspectiva lúdica e afectiva no ámbito familiar. Trátase dunha actividade realizada para TeCe Redes en galego, ao abeiro do Fondo de Proxectos Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia.
O obradoiro terá lugar o vindeiro sábado 22 de outubro na Fábrica, haberá dúas sesión, unha ás 17.00 h e outra ás 18.30 h. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través dos seguintes formularios habilitados a partir do luns 17 de outubro ás 10.00 horas:
Para a sesión das 17.00 horas: https://forms.gle/cd3gJLsKn5sHAv6r9
Para a sesión das 18.30 horas: https://forms.gle/eEsCQ5LqXsuAhYHaA
As sesións comezarán coa narración oral do conto “O lar das palabras”, creado para esta iniciativa. Trátase dunha historia que narra, en clave simbólica, a historia dun Reino onde habitaban unhas palabras moi antigas que cada día que pasaba ía esmorecendo, facéndose máis pequenas, máis febles, máis invisibles. Ninguén sabía que pasaba. Despois de contar o conto comentarase coas familias as sensacións provocadas pola historia, establecendo paralelismo entre as palabras do conto e a situación actual de moitas linguas, nomeadamente o galego, que precisan ser faladas para non desapareceren.
A partir desta dinámica de conversa, pediremos axuda aos asistentes, principalmente aos nenos e nenas, que propoñan ideas para mantermos vivas as palabras do galego, a nosa lingua, e como facer que teñan un oco no noso día a día. Trátase de provocar neles unha reflexión e unha participación activa. Despois de tomarmos nota no noso caderno especial para as ideas, nun encerado que levaremos para a actividade, das ideas propostas, falaremos do concepto de dicionario, o lugar onde se gardan e clasifican as palabras e proporémoslles faceren un dicionario familiar, no que apuntar as palabras favoritas de cada familia: as que máis lles gusten, as novas palabras que vaian coñecendo, as palabras que vaian aprendendo na escola, nos libros, no barrio, dos avós e avoas…
A idea é que cada caderno se converta nun dicionario lingüístico e emocional de cada casa, un momento de encontro no que deberá participar toda a familia, e que se deberá ir enchendo un pouco cada día. No caderno haberá unha ampla oferta de actividades familiares con todas as letras do alfabeto, do A ao Z: espazos para poesías, adiviñas, letras de cancións, receitas favoritas…
Despois de traballar un anaco co caderno, dándolle indicacións de como usalo na casa, realizaremos unha actividade final coa última páxina do caderno, que gardará unha sorpresa moi especial: trátase dunha folla-imán, na que poderán escribir e recortar palabras para pegaren na neveira da casa, nun lugar ben visible, para poder velas todos os días.