Noticias

Noticias

Atrás O Concello de Oleiros agasalla o alumnado e as entidades municipais cun caderno didáctico de Ma

Oleiros, 16 de maio de 2016.- O Servizo de Normalización Lingüística do Concello repartiu ao alumnado e ás entidades un caderno didáctico de Manuel María elaborado por profesorado do IES María Casares e coordinado por Pepe Taboada e maquetado e ilustrado por Miguel Cuba Taboada.

Este proxecto de colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES María Casares comezou en 2010 coa elaboración do caderno de Uxío Novoneyra, continuou en 2011 co de Lois Pereiro, en 2012 co de Valentín Paz Andrade e en 2013 co de Roberto Vidal Bolaño; e logo de tres anos volvemos retomar esta iniciativa con Manuel María. Un autor que escribiu para todos e todas, para nenos e nenas, para mozos e mozas, un autor que cantou á lingua galega, que a defendeu e loitou por ela, un autor que cantou á súa terra e ás súas xentes, quen mostrou un compromiso co seu pobo.

O caderno de Manuel María componse dunha introdución a modo de prólogo Manuel María: a palabra acendida composto por Fernando Díaz-Castroverde Gómez, a Biografía contextualizada realizada por Marisa Díaz Couce e Raquel Guimarei Taibo, unha contextualización na xeración literaria co artigo A xeración literaria de Manuel María escrita por Patricia Fuciños e uns obradoiros cunha escolma poética realizados por Pepe Taboada e Matías Cuba.

A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística quere facilitar a difusión da obra do poeta da Terra Chá, polo que agasallou con este caderno ao longo destes días o alumnado de 5º e 6º de primaria, de ESO e bacharelato dos centros de ensino público, ás bibliotecas dos centros e ás entidades culturais do Concello, ademais das persoas que están a participar na programación das Letras Galegas elaborada pola Concellería.
 

back link