Noticias
Noticias
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, e coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros, vai realizar no mes de outubro un curso dirixido a persoas adultas interesadas na aprendizaxe da lingua e a cultura galegas nun nivel inicial.
Trátase dun curso presencial, de 20 horas, co que se pretende promover o emprego do galego e o coñecemento da cultura galega en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade, dirixíndose particularmente aos novos galegos e galegas provenientes do exterior.
Estes cursos teñen un dobre obxectivo: fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectiva das persoas participantes, dado que aprender o idioma do país de acollida é esencial para integrarse con éxito, así como aproveitar o enorme potencial que supón a chegada de persoas de fóra de Galicia como un xeito de incrementar o número de falantes da nosa lingua. A Secretaría Xeral da Lingua expedirá un diploma con posterioridade á superación do curso.
O curso está dirixido a persoas maiores de 16 anos, ou que os fagan no ano 2026, que desexen adquirir ou mellorar as súas competencias en lingua galega e os seus coñecementos sobre a cultura de acollida. Non se requiren coñecementos previos de galego, xa que as clases estarán adaptadas a diferentes niveis.
O Curso de introdución á lingua e á cultura galegas impartirase no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo os días 5, 7, 9, 14, 16, 19, 21 e 23 de outubro en horario de 16.00 a 18.30 horas. As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo a partir do 14 de setembro, na Fábrica, no Servizo de Normalización Lingüística.