Xoves 5 de xuño ás 17.00 horas
Museo Centro Gaiás.
Cidade da Cultura. Santiago de Compostela
O luns 19 de maio ábrese o prazo para inscribirse na viaxe organizada polo Departamento de cultura para coñecer a exposición que acolle o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. A viaxe está destinada a público adulto e teñen preferencia as persoas empadroadas no concello de Oleiros. A entrada é libre e inclúe o desprazamento e a visita guiada da exposición.
Dado que as prazas son limitadas, as persoas interesadas deben contactar co Departamento de Cultura no teléfono 981 610 000, de 8.00 a 15.00 horas, ou no enderezo electrónico cultura@oleiros.org para formalizar a inscrición.
A exposición, que leva por título “Auga doce: cando a auga é arte”, é unha exposición multidisciplinar que nos convida a mirar a través da ollada prestada dos artistas e redescubrir a beleza universal da auga.
Un total de 700 obras, entre pinturas, esculturas, fotografías, vídeos, instalación, avances tecnolóxicos e obxectos etnográficos mergullarán aos visitantes nunha intensa experiencia estética a través de grandes nomes da creación artística contemporánea como David Hockney, Gerhar Richter, Mario Merz, Martín Chirino ou Chema Madoz e de Mestres clásicos da talla de Piranesi, John Constable, Henry Lewis ou Audubon.
Auga Doce suporá unha viaxe polas propiedades das augas subterráneas galegas, dos nosos ríos e mananciais, do paroveitamento histórico que os galegos fixeron da auga e a plasmación artística desta relación identitaria. Pero a exposición trascende a realidade galega, convidando aos asistentes a conectarse con outros pobos onde a auga define tamén a súa identidade e a súa cultura e ofrecendo a posibilidade de explorar expresións artísticas de comunidades africanas, aborixes australianas ou orientáis.
O Concello de Oleiros colabora con esta exposición a través da cesión temporal de varias pezas de olería tradicional procedentes da colección que forma parte do Museo Os Oleiros, de Santa Cruz.