Sábado 15 de febreiro ás 20:30 horas
Auditorio da Fábrica, Perillo
Tanxugueiras
Partindo dun coñecemento rigoroso da tradición e das músicas de transmisión oral, entre Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro dáse un encontro único onde a maxia, a naturalidade, a espontaneidade e a comuñón musical xorden desde o primeiro minuto e fan que revolucionen o panorama musical galego.
O mundo da pandeireta e o baile está a vivir en Galicia a un momento irrepetible, cada vez máis xente se está achegando a este tipo de sentir e facer. O que fan Tanxugueiras é achegalo dun xeito doado, natural, cun empaste nas voces pouco común, cuns arranxos elegantes e coidados, cun son grande e cristalino, cun agarimo inusual, cunha tímbrica instrumental que conecta oriente e occidente, con intelixencia e humor. E, sobor de todo, con moito amor.
Con máis de 50 concertos no 2018 e unha importante xira tanto polo país como polo estranxeiro, visitando Glasgow, a India, Cuba e Suíza, Tanxugueiras convértese nun referente e no grupo revelación da música tradicional galega.
Atopámonos ante un repertorio coidadosamente escollido e cun tratamento que conecta a tradición ibérica co maxín atlántico e os cheiros de ultramar. Cancións que parten da pura esencia que mana das fontes da profunda Galicia e que son dotados dun virtuosismo e contundencia sorprendentes.
As entradas poñeranse á venda a partir das 19:30 horas a un prezo de 2,50 euros, ata completar a capacidade da sala. (Máximo 5 entradas por persoa)