O Departamento de cultura arranca a súa programación cultural de outono nos espazos escénicos municipais o vindeiro sábado 12 de setembro coa representación no auditorio Gabriel García Márquez, de Mera, da obra “Bernarda”, de Malasombra Producións. Esta obra enmárcase dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC.
14 espectáculos de música, teatro, danza e maxia encherán os diferentes espazos escénicos municipais entre os meses de setembro e decembro. En canto á programación musical, contaremos coa actuación da bailaora Carolina Blanco e co concerto do Cimarrón String Trío.
Polo auditorio Gabriel García Márquez pasarán compañías como Chévere, Teatro do Atlántico, ButacaZero, Ibuprofeno Teatro, Bucanero, La Macana, Exire-Entremans, Antón Reixa e Martín Camiña entre outros. Teatro da Ramboia tamén presentará o espectáculo “O meu mundo non é deste reino”, obra gañadora do 1º certame de proxectos teatrais da fundación Manuel María.
A programación conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC.
Este ano, en atención ás indicacións e medidas de seguridade e hixiene fronte ao COVID-19, todos os espectáculos terán aforo limitado e será obrigatorio manter a distancia de seguridade e asistir con máscara, así como atender as indicacións e normas da organización.
Sábado 12 de setembro ás 20:30 horas
Auditorio Gabriel García Márquez, de Mera
Malasombra Producións “ Bernarda”
Autoría e dirección: José Prieto
Sinopse: Bernarda recolle o punto de partida de “La casa de Bernarda Alba”, escrita por Lorca en 1936, unha muller que queda viúva con fillas mozas e decreta un rigoroso loito, pero traslada a acción a unha vila de Galicia case corenta anos máis tarde, en 1975, nun momento clave da nosa historia recente, no que as ansias de cambios chocan coas tradicións máis arraigadas, como é neste caso, o loito. Bernarda, ao quedar viúva, tenta que todo siga sendo igual que sempre, como foi toda a súa vida, e que as malas influencias dunha sociedade en proceso de transformación non cheguen ás súas fillas nin a ela mesma. Bernarda é unha historia comprensible e universal, un choque xeracional.
Elenco: Luisa Merelas, Celia González e Esther Aja Xénero: drama Duración: 75 minutos
Público: maiores de 12 anos
Prezo: 3,50 € (As entradas poñeranse á venda a partir das 19:30 horas, ata completar a capacidade da sala).